La Voz de Galicia

Resetear a democracia

Opinión

Inma López Silva

14 Jan 2013. Actualizado a las 07:00 h.

Que a miña xeración empece a formar partidos políticos ten como consecuencia que estes comecen a ter nomes de superheroes de cómic. Pola mesma, instálase neles a tendencia a opinar a base de titulares e a crer que o máis posmoderno do mundo é diluír a identidade nas maiorías que calan ou outorgan a golpe de manifesto irracional. Por iso, o Partido X, de membros anónimos, se define como «un partido humorístico, de ciencia ficción, friki, un partido como dispositivo de hackeo, anónimo, unha marca de guerrilla da comunicación ao servizo das loitas», coma se algo así non o fixesen xa, moito mellor, Dadá, Karl Marx, Gila, De Gaulle ou o líder de Mars Attacks.

Teño medo destes partidos que queren «resetear a democracia» coma se esta fose reseteable. Teño medo dos salvadores enmascarados que declaran que é bo incumprir as regras que construímos a base de revolucións. Témoos, porque no fondo saben que a eles tamén os corrompería o sistema, pois na súa ignorancia cren que o problema é da democracia e non da idiotez das persoas.

Hitler, á súa maneira, tamén quería resetear a democracia. Pero a min paréceme un invento estupendo tal como é, e preferiría mandar á papeleira a políticos que falan das súas maiorías como máis democráticas cás maiorías que están a avalar co seu voto toda esta desfeita. Por iso non hai que crear partidos dispostos a salvarnos coma Spiderman. Hai que ensinarlle á xente que a democracia ten que ver coa responsabilidade do voto, non coa exaltación baleira que pon remendos, pero non remedia nada.


Comentar