La Voz de Galicia

Galicia ten que recuperar o seu futuro

Opinión

José Ramón Gómez Besteiro Secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo

20 Oct 2013. Actualizado a las 07:00 h.

Nun recente artigo publicado no número 1 da revista A maleta de Portbou, e titulado Capitalismo, socialismo e democracia, no que se analiza o pensamento de Schumpeter, Joaquín Estefanía escribe: «Un sistema fracasa se non pode asegurar o benestar dos seus cidadáns, se os fillos destes non poden vivir mellor que os seus pais e rompe a cadea do progreso».

Hoxe atopámonos no punto crítico para evitar ese fracaso e polo tanto, sen oportunidade de mirar cara outro lado nin de repetir liñas xa escritas pola política entre un proceso electoral e outro.

Tras a crise financeira, a desaparición do crédito, o derrubamento do sistema bancario máis de sectores produtivos enteiros no noso país, e o extraordinario incremento do desemprego, é necesario que a Administración teña que realizar un esforzo tampouco nunca visto para protexer a vida das persoas. Porque esta crise non é só de liquidez senón de solidez, solidez do noso sistema e dos nosos valores.

Non obstante, os Gobernos de Núñez Feijoo e Mariano Rajoy orientan a súa política en sentido contrario: ao menoscabo do Estado do benestar e a que cada cidadán obteña protección ou non en función da súa capacidade económica. Por iso, acabar coa sanidade e a educación públicas supón a quebra da igualdade de oportunidades e da cohesión social.

É grave que o actual Goberno da Xunta nos conduza a unha Galicia na que, sen as transferencias sociais, un terzo da poboación hoxe estaría en situación de pobreza, na que se incrementan o paro e a débeda pública ata cifras nunca coñecidas e na que a produción industrial xa retrocedeu a niveis de hai máis de 15 anos. Pero aínda é máis grave se cabe que, ante esta situación, a dereita en lugar de facer un exercicio responsable de goberno, se instala na dialéctica do triunfalismo.

Lonxe de novas ideas para que Galicia deixe de ir á deriva das circunstancias económicas, o presidente da Xunta vive aferrado a un discurso político construído a base de comparacións interesadas e en retrospectiva co Goberno de Emilio Pérez Touriño, polo que, máis alá dunha obsesión co pasado, delata a ausencia dunha acción de goberno propia e de futuro para este país.

Son consciente de que a tarefa de oposición política, para a que tamén nos lexitimaron centos de miles de cidadáns co seu voto, leva consigo a responsabilidade de transcender á mera soflama para ter a capacidade de propoñer e chegar a acordos. Pero non é menos certo que o presidente da Xunta, para camiñar cara ao consenso, deberá abandonar o triunfalismo de sofá para incorporarse ao realismo a pé de rúa.

A ameaza da quebra da cohesión social combátese con redistribución da riqueza e creación de emprego. Por iso lamento profundamente a falta de apoio do PP á iniciativa do Partido Socialista de Galicia para investir en política real de emprego proposta durante o pasado debate do estado da autonomía.

Galicia non merece un presidente ao que a vida de millóns de galegos e galegas lle está a pasar por diante. Cando 260.773 galegos queren traballar e non poden, a política ten que prevalecer sobre as posicións de poder dun partido ou doutro para evitar máis fracasos como os miles de pobres rexistrados por Cáritas, ou como os centos de miles de mozos emigrados. O seu fracaso é o noso fracaso.

Non podemos estar dispostos a saír da crise coa roupa feita retallos e, o que é peor, sen esperanza. Esa é a saída que nos están a ofrecer e non é ese o futuro que queremos para os nosos fillos. E a política debe ser o instrumento para loitar contra esa asunción resignada do fracaso. A política está para xestionar o presente, pero tamén para iluminar o futuro. Para recuperalo.

Por iso, recuperar o futuro é que o esforzo colectivo que se lles pide aos cidadáns non radique nun sacrificio individual, no sentido máis literal da palabra, que corte o progreso da súa vida.

Recuperar o futuro non é só recuperar o crédito económico para as empresas e as familias, tamén é recuperar o crédito social das institucións públicas.

Recuperar o futuro non é convidar falazmente aos mozos a buscarse a vida fóra da terra na que se formaron, agravando a crise demográfica galega, senón darlles todo o protagonismo e apoio para desenvolver a súa forza creativa, única para arrancar de novo o motor do crecemento e a transformación da nosa sociedade.

Recuperar o futuro é que os fondos públicos vaian destinados a investir na economía real das persoas que os xeran cos seus impostos, e non a aumentar o gasto financeiro -como sucede nos orzamentos do 2014 presentados pola Xunta- para seguir nutrindo os mercados internacionais que especulan coa nosa débeda. Recuperar o futuro é aproveitar todas as capacidades endóxenas dun país como Galicia, que dispón de potencialidades físicas, sociais e económicas máis que suficientes para volver ao crecemento. Recuperar o futuro é abordar os cambios estruturais que realmente necesita o país, como a reforma da planta municipal acometida dende a realidade do territorio, a responsabilidade e a visión de futuro, non dende unha cosmética supresión de competencias dos concellos que derivará na desaparición dos servizos públicos para as persoas.

Galicia debe recuperar o futuro, e ninguén, por maioría absoluta que teña, debe poder roubarllo.


Comentar