La Voz de Galicia

Adorarás

Opinión

Xosé Carlos Caneiro

02 Jan 2014. Actualizado a las 06:00 h.

Aausencia de dor. A risa. O territorio onde non existan as despedidas. As luvas que protexen da tristeza. A boa compañía. A dignidade. Os dedos que te acariñan. A pel que tocas. A lúa. A gloria de gozar. Adorarás a felicidade cando a teñas, e aprenderás a disfrutar dela: porque todo pasa. Adorarás, como no bolero, a rúa na que encontraches uns ollos á medida dos teus ollos. Os sabores inolvidables e aqueles que é mellor olvidar. Adorarás a maxia dos instantes máis que a perorata dos meses ou dos anos, dos lustros e das décadas, do futuro ou da posteridade: ese lugar onde non estarás. Leonard Cohen, Serrat (que xa cumpriu setenta anos mediterraneando). Os poemas de amor que escribiron Quevedo e Neruda: «Quítame el pan si quieres, quítame el aire, pero no me quites tu risa porque me moriría». Adorarás as estrelas que iluminan tantas noites: esas que pintan de violeta escura o interior. A noite que deixaches varada nunha praia sen mar, de bar en bar, praza melancolía. Os consellos que non segues. Adorarás os soños: porque sen eles pereces. Adorarás cada resurrección e aprenderás das caídas, ese hábito. A liberdade, a túa, e a dos outros. Adorarás a sabedoría. O respecto, a tolerancia, o costume de dicir libremente. Monterrei, castelo de mil meiguizos. A fraternidade, igualdade, xustiza. Adorarás os abrazos: os dados, recibidos, os que agardan, os perdidos, os solitarios, os primeiros, últimos, grandes, mínimos. Adorarás o mundo e os humanos do mundo: capaces da dor e da ventura. A risa. O territorio onde non existan as despedidas. As luvas que protexen da tristeza. En 2014, adorarás.


Comentar