La Voz de Galicia

«Penélope»

Opinión

Víctor F. Freixanes

18 May 2014. Actualizado a las 07:00 h.

X osé María Diaz Castro, a quen este ano a RAG dedicou o Día das Letras Galegas, escribiu este poema (Penélope) contra o ano 1949, recente aínda a experiencia terrible da guerra civil. Publicouno por primeira vez na revista Alba, que dirixía en Vigo González Alegre, e destas páxinas tomouno Francisco Fernández del Riego, quizais avisado por Aquilino Iglesia Alvariño, para incorporalo con outros seis poemas á Escolma de Poesía Galega. Vol IV. Os contemporáneos (1955), xermolo do que en 1961 sería Nimbos, único libro que con características de tal publicou o poeta en vida. Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move?

Armando Requeixo, especialista en Díaz Castro, vén de publicar a Poesía Galega Completa do autor de Trasparga (Guitiriz), recuperando éditos e inéditos. Mais o poema Penélope deixou profunda pegada xa no momento da súa primeira edición, sen dúbida un dos relampos máis inspirados que produciu a literatura para describir a realidade dramática do noso país. A esperanza nos teus ollos se espreguiza. Aran os bois e chove?

Invito ao lector a volver, sesenta e cinco anos despois, sobre este poema. Un bruar de navíos moi loxanos che estrolla o sono mól coma unha uva... Este xornal distribuíu onte unha aquelada escolma da poesía de Díaz Castro, preparada por Luis G. Tosar. Invito á lectura do poema dende a prespectiva dos días que estamos a vivir. Pro ti envólveste en sabas de mil anos, e en sonos volves escoitar a chuva?

Os tempos son utros, certamente. Demos pasos de xigante. Mais a cuestión de fondo: a incerteza, a fatalidade (diante da cal algúns nos arrepoñemos), o desacougo íntimo que latexa nestes versos adquire, tanto tempo transcurrido dende aquela primeira redacción, unha actualidade que segue inquietándonos.

Traguerán os camiños algún día a xente que levaron? Parecía que era así, que os camiños devolvían aquela derrama. Mais as familias volven despedir os fillos nos aeroportos de Peinador, Alvedro ou Lavacolla, a xente nova (a mellor preparada), igual que antes nos peiraos de Vigo ou no Parrote. Deus é o mesmo. Desorballando os prados coma sono, o Tempo vai de Parga á Pastoriza? ¿E que facemos nós, cidadáns conscientes desta Galicia do século XXI? ¿Como reaccionamos? Dispoñemos de recursos que nunca tivemos. Dispoñemos de infraestruturas, liberdades democráticas, institucións de noso, un contexto social e económico impensable hai sesenta anos?

O día 25 estamos convocados ás urnas nun contexto tamén novo, a Unión Europea, á que Galicia se incorporou cunha ilusión se cadra hoxe esmorecida. Os clásicos son clásicos porque están vivos. E porque seguen apuntando cousas que están aquí (seguen aquí), diante das cales sería suicida que cerrásemos os ollos. Vaise enterrando, suco a suco, o Outono... Oxalá que non. Oxalá que esta fatalidade, que pesa ás veces coma unha lousa na historia do noso país, saibamos escorrentala: con intelixencia, con esforzo, con xenerosidade...

¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza! Oxalá que non. Non o merecemos.


Comentar