La Voz de Galicia

Cristina Novoa

Opinión

<span lang="es-es"> Víctor F. Freixanes< /  span>

22 Jun 2014. Actualizado a las 07:00 h.

Na fotografía da xuntanza fundacional da Editorial Galaxia, que se celebrou o 25 de xullo de 1950 nos baixos do hotel Compostela -unha xuntanza de amigos, segundo a versión oficial, para canear os controis da ditadura-, aparecen vinte homes e catro mulleres, elas sentadas na primeira fila. Había máis apoios daquela, mesmo algunhas persoas que por razóns diversas non puideron acudir, ou non conviña que acudisen, entre eles Ramón Piñeiro, sinalado pola policía, que viña de saír de cadea e estaba convalecente dunha operación nos ollos. Pero o número de asistentes era vintecatro. Presidía Ramón Otero Pedrayo, o señor de Trasalba, e entre os fotografados hai nomes certamente sobranceiros: os irmáns Álvarez Blázquez, Xaime Isla, Gómez Román, Manuel Beiras, Fernández del Riego, Viñas Cortegoso, Emilio Álvarez Gallego, Aquilino Iglesia Alvariño, Ferro Couselo, Manuel Peña Rei, Manuel Luís Acuña, Xosé Mosquera Rodríguez (O vello dos contos)... iso que moitas veces chamamos «exilio interior», aínda que tamén había representación das Américas, sobre todo de Buenos Aires: Xosé Benito Abraira, Abelardo Estévez? Mais así e todo, as que sempre me chamaron a atención son as mulleres: as donas de Luís Acuña e de Fontenla Méndez, a señora de Xosé Benito Abraira e Cristina Novoa Pedreira, esposa de Xaime Isla Couto, que o pasado día 16 faleceu na súa casa de Vigo. Tiña 92 anos.

Falo das mulleres porque na crónica do galeguismo a penas aparecen ata ben entrado o pasado século, a partir dos anos sesenta sobre todo, coincidindo coa presenza cada vez máis activa do universo feminino no discurso público e nas transformacións sociais que se empezan a producir na vida española e galega. Certo que ningunha cultura que eu coñeza dispón dunha figura fundacional da significación de Rosalía de Castro, e que no século XIX hai unha triloxía magnífica: Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e a citada Rosalía, ás que poderiamos engadir algunha outra individualidade. Mais o papel activo, protagonista, coa dimensión cualitativa e cuantitativa de hoxe, non existía, entre outras razóns porque o discurso dominante dos vencedores da guerra do 36-39 impuxo unha moral, unhas restricións e uns usos sociais que condenaban á muller ao espazo doméstico, lonxe de calquera proxección pública, que en principio era sospeitosa. Nada que ver coa tradición republicana, ou incluso anterior.

Mais estaban alí: elas. Tamén na fotografía fundacional da resistencia da cultura: Cristina Novoa, viguesa, licenciada en Letras, colaboradora activa da Penzol e da xestión administrativa da editorial nos primeiros tempos, igual que Antía Cal, outra precursora, xunto con Xohana Torres e Olga Gallego. Penso en Cristina, corrixindo os primeiros textos da colección Illa Nova (o nome da súa casa de Raxó), e penso na María Miramontes de Ánxel Casal, na Maruxa de Luís Seoane, na Carme Muñoz de Rafael Dieste, na Mimina (Carmen Arias) de Isaac Díaz Pardo, na Mariví Villaverde de Ramón Valenzuela, na Anisia Miranda de Neira Vilas... por falar dalgunhas que xa non están.


Comentar