La Voz de Galicia

Laranxas de Gaza

Opinión

Miguel-Anxo Murado

19 Jul 2014. Actualizado a las 07:00 h.

Unha vez, en Gaza, comín unha laranxa sentado fronte ao mar. No horizonte os barcos da Mariña israelí pasaban tremendo no vapor caloroso da mañá e levantando ronseis dunha escuma branquísima. En cambio, na praia, xusto debaixo do hotel, a escena era como a dun verán en Galicia: as barcas de pesca recén pintadas bandullo arriba, as mulleres remendando redes, os nenos xogando na area fina da cor da crema? A laranxa pareceume moi doce. Era unha shamuti, que se chama así porque só medra na parte alta da árbore -no dialecto gazatí shamuti significa «trepar»-. Cando penso en Gaza fago un esforzo por lembrarme daquela escena idílica e o sabor da laranxa vénseme inmediatamente á boca.

A partir de agora vaime custar máis traballo. Os recordos non están nunca a salvo de todo. Onte vin as imaxes do bombardeo da praia de Gaza onde morreron eses catro nenos e pareceume que era a mesma praia, preto do hotel dos xornalistas; e que eran os mesmos nenos xogando -ou outros idénticos-. Os proxectís que os mataron viñan probablemente do mar, dunha daquelas sombras trementes e envoltas en escuma branquísima. Un xornalista británico que o viu todo e deixou o caderno a un lado para atender aos feridos di que era imposible que non soubesen que eran nenos e que seguiron calibrando o tiro para acabar cos superviventes. Os mortos eran todos curmáns, de entre nove e once anos. Alguén ten que dicir os seus nomes, así que aquí están: Ahed, Zakaria, Mohamed e Ismail.

Pero sigamos coas laranxas. Grandes, sen pebidas e sobre todo moi doces, houbo un tempo en que as shamuti de Palestina foron famosas en todo o mundo. Eran un invento local, unha variedade que desenvolveran os propios campesiños palestinos a mediados do século XIX. Como tiñan o pelexo duro resultaban especialmente aptas para a exportación. Era case o único sector da economía no que os labregos locais palestinos e os inmigrantes xudeus recentes chegaron a colaborar. Destruír esa cooperación foi unha das obsesións do sindicato único sionista, que o conseguiu despois dunha campaña de boicot aos empresarios xudeus que empregasen árabes. No seu libro Paisaxe sagrada, o historiador israelí Meron Benvenisti conta o destino dos laranxais dos palestinos: «Despois da expulsión dos seus donos [en 1948] as plantacións de cítricos deixáronse secar. Desmanteláronse e roubáronse os sistemas de regadío artificial. Os agricultores israelís apenas podían coidar dos seus propios cultivos unha vez que desapareceu o traballo árabe barato do que dependían». Tan só unha quinta parte dos laranxais e limoeiros sobreviviu. A laranxa shamuti pasou a chamarse Jaffa e vendeuse a baixo prezo como a froita típica de Israel. Como o resto da agricultura israelí, nunca tivo unha gran importancia económica pero servía para difundir unha imaxe bucólica e de apego á terra nunha sociedade que en realidade foi sempre eminentemente urbana. A laranxa que comín eu aquel día fronte ao mar en Gaza era, en certo modo, unha supervivente, e a súa dozura o sabor dun tempo perdido.

Cóntanme que hoxe en día a laranxa shamuti é cada vez máis difícil de atopar en Gaza. As árbores froiteiras son cultivos que requiren unha certa esperanza no futuro, cultivos adultos que teñen que medrar durante anos. Por iso o que se planta agora na Franxa son máis ben flores e vexetais, que son como os refuxiados: sen raiceiras profundas, a un ano vista. Cultívanse laranxas, pero cada vez máis son da variedade amarga, que resulta máis fácil de vender. Así é como saben agora as laranxas en Gaza.


Comentar