La Voz de Galicia

A vida secreta das tarxetas

Opinión

Miguel-Anxo Murado

18 Oct 2014. Actualizado a las 05:00 h.

Os cartos son un paradoxo. En teoría son a linguaxe na que se expresa o materialismo, mais logo funcionan en base ao mesmo principio que as relixións: a Fe. O valor dos cartos depende exclusivamente dunha promesa, e de feito sobe ou baixa en función do estado de ánimo dos que os usan. Ao final resulta que os cartos son en realidade algo etéreo, case espiritual: poden dar a volta ao mundo á velocidade da luz simplemente premendo unha tecla, e son incorpóreos. En principio, tan só producen satisfacción ao desprendernos deles. Pero, sobre todo, o pracer que proporcionan é abstracto: a sensación de telos, a posibilidade de gastalos. Ser rico non é, fundamentalmente, ter moitos cartos, senón poder pensar neles sen inquietude. Esa é a grande verdade secreta sobre os cartos: que serven para moitas cousas pero que, en realidade, son un fin en si mesmos.

O caso das tarxetas opacas de Bankia non fai máis que confirmar esa realidade e explica o que parecería senón un misterio. Estes membros do consello de administración que as utilizaban tiñan xa cartos abondo. Cos seus salarios autoproclamados e exorbitados, e os seus gastos de representación e dietas xa cubertos, o que proporcionaban estas tarxetas, evidentemente, era outra cousa: o pracer de sentirse parte dun grupo selecto de privilexiados para os que o mundo era como un Edén antes do pecado orixinal, un paraíso no que calquera froito resultaba alcanzable sen esforzo. Como saben os nenos e só lembran logo os espías, o maior pracer que existe neste mundo é saber o que os demais non saben, estar nun segredo. E a tarxeta opaca era ese segredo. Tamén era esoutro gran tema da fantasía universal: o talismán dos contos populares que permite satisfacer todos os desexos, incluído o máis contemporáneo da invisibilidade fiscal. En definitiva é o soño da cornucopia, o corno arrancado da testa da cabra Amaltea do que manan bens e servizos sen esgotarse nunca e que figura polo menos en cinco escudos de países latinoamericanos. Se miramos os listados dos cargos desas tarxetas aínda faremos outra constatación antropolóxica: que o home -non necesariamente a muller- reviste o poder sempre dos mesmos atributos: armas, escravas, ouro e banquetes, aínda que aparezan levemente disimulados por unha terminoloxía máis moderna -respectivamente: safaris, masaxes, xoias e ceas de empresa. É o que os arqueólogos atopan rutineiramente nos túmulos funerarios dos poderosos de toda época e lugar.

A tarxeta opaca estará tamén nos museos arqueolóxicos do futuro. Se os cartos son algo etéreo, como diciamos, hai que recoñecer que a tarxeta de crédito é unha das súas advocacións máis perfectas. Feita de plástico e de sinal magnético, é como unha criatura con corpo e alma. En teoría, ten data de caducidade pero na práctica é inmortal porque se reencarna sucesivamente. Mesmo o seu número é cabalístico: conforme ao algoritmo de Luhn, se dobras cada díxito impar comezando pola dereita e logo os sumas, sae sempre unha cifra divisible por dez. Despois de todo, e como sucede con tantas cousas que teñen que ver coa vida práctica, quen primeiro a imaxinou foi un soñador utópico -Edward Bellamy, o escritor socialista, na súa novela de ciencia ficción Mirando atrás, de 1888. E como o plástico é indestrutible, as nosas tarxetas de crédito sobrevivirán a case calquera outra forma de lixo que deixemos, nós mesmos incluídos. Si, os nomes dos titulares de tarxetas perdurarán máis que os que están gravados nos pedestais das estatuas. Así de inxusto é o mundo.


Comentar