La Voz de Galicia

Chove sobre mollado

Opinión

X. L. Franco Grande

06 Apr 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Chove sobre mollado: ben sexa pola escasa cultura democrática das máis altas instancias, que di Vicenç Navarro, ben sexa porque os temores e inseguridade típicas daquelas, que di Sánchez Cuenca, unha cousa son as declaracións de principios e outra a execución práctica dos mesmos. Á marxe de declaracións da CE como a protección de todas as culturas, tradicións, linguas e institucións, riqueza que constitúe un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección, algo que tanto prometía agromaba xa pexado e subordinado por outra declaración que consagraba o deber e o dereito de usar a lingua oficial do Estado: as demais só gozaban do dereito pero non do deber. Resolucións intelixentes, que tamén as houbo, do Tribunal Constitucional -núms. 337/1994, de 23 de decembro e 46/91 ou 21 outubro 2009 do Tribunal Supremo-, sinalaron camiños para que aqueles principios non se quedasen en neboeiras e se fixesen realidade, chegando a admitir e xustificar a discriminación positiva como maneira de corrixir «situacións de desequilibrio herdadas historicamente». Todo foi cambiando: a recentralización fíxose realidade e os mesmos textos legais serviron a interpretacións desemellantes. A recente sentenza do Tribunal Supremo, desestimando o recurso da Real Academia Galega sobre o chamado decreto do trilingüismo, é un exemplo daquela escasa cultura democrática e do manifesto esquecemento da finalidade daqueles principios da CE. Coa agravante, no caso galego, de que os seus gobernantes rebaixaron aínda as posibilidades que a estreitas leis lles conferían, con desprezo a acordos habidos con outras forzas. Non apoñamos ao Tribunal Supremo unha culpa que cómpre distribuír. Nada novo nesta sentenza. Porque segue chovendo sobre mollado.


Comentar