La Voz de Galicia

Unha vaixela é unha vaixela

Opinión

Pedro Puy

18 Jun 2017. Actualizado a las 05:00 h.

«Un prato é un prato; e un vaso é un vaso». Esta frase do presidente do Goberno de España, pronunciada no contexto dunha entrevista sobre a hipotética independencia de Cataluña, fixo fortuna entre boa parte da prensa satírica e, o que resulta máis chamativo, entre os que cren que a renacida cuestión catalá podería arranxarse cunha reforma constitucional que recoñecera a España como unha «nación de nacións».

 Hai ocasións nas que unha frase en apariencia simple reflicte unha reflexión máis complexa; e outras nas que unha formulación aparentemente máis complexa reflicte un absurdo bastante simple. Efectivamente, e sen ánimo de reinterpretar a afirmación presidencial, un prato é un prato. Pero cando hai moitos pratos a sempre economizadora lingua agasállanos cunha útil palabra colectiva que en singular expresa a pluralidade existencial de moitos pratos: vaixela. E se a pluralidade é de vasos, con outra: cristalería. E cando a pluralidade é de cidadáns libres que deciden que a soberanía reside neles mesmos e as decisións se adoptan de forma democrática, e non por un monarca absoluto, a palabra colectiva que define esa pluralidade de cidadáns é nación. Cando menos desde que en 1789 se aprobara o documento fundacional do constitucionalismo moderno, que non é outro que a Declaración francesa dos Dereitos do Home e do Cidadán (artigo 3).

Desde entón, en termos xurídico-constitucionais nación é o nome colectivo co que designamos a un conxunto de homes e mulleres libres titulares dos mesmos dereitos e deberes, que se recollen na Constitución democrática que constitúe o Estado, cuxos poderes emanan (como di o artigo 1 da nosa do 78) do pobo español que conforma a nación española, que é a titular da soberanía (artigo 2). De aí que falar de «nación de nacións» resulte tan absurdo e incompresible como falar de «vaixela de vaixelas» ou de «cristalería de cristalerías». Ou, por recorrer a unha das afeccións presidenciais, de «pelotón de pelotóns», constructo innecesario para referirse a varios ciclistas.

É certo que o termo nación e polisémico e que, dereito á marxe, admite significados existencialistas ou iusnaturalistas (como realidade preexistente e destino transcendente á vontade dos cidadáns); e mesmo culturalistas ou historicistas (como comunidade que comparte historia, lingua e costumes). Pero aínda así, falar de nación (en sentido xurídico) de nacións (en sentido cultural) non deixa de resultar un pinchacarneiro pouco práctico: o recoñecemento do carácter nacional (cultural) pouco lle vale ao que entende que o recoñecemento do carácter nacional conleva o exercicio da soberanía, que, como tal, sempre se exerce de modo unilateral. E isto precisamente é o que a nosa vixente Constitución, pactada entre outros polos nacionalistas cataláns, expresamente prohibe.

É certo que na nosa Constitución España xa é unha «nación de nacionalidades e rexións». Tamén o é que pode ser modificada: Calquera Parlamento autonómico pode aprobar por maioría (artigos 166 e 87 da CE) a remisión ás Cortes dunha proposta de reforma da Constitución que incorpore a do 78 ao selecto e reducido pelotón das constitucións que, coma as das extintas Unión Soviética e Iugoslavia, recoñeceron o dereito de secesión. Pero pensar que o recoñecemento de España como nación (xurídico política) de nacións (histórico culturais) contribuiría a desactivar a demanda independentista, reflicte ou ben unha inocencia extrema, ou ben unha intencionada negación da evidencia. O propio do elefante que entra na cacharrería arrasando inmisericordemente con «vaixelas de vaixelas» e «cristalerías de cristalerías».


Comentar