La Voz de Galicia

Janusz Korczak, pediatra e mártir

Opinión

Xesús Alonso Montero

28 Jul 2017. Actualizado a las 05:00 h.

No seo dunha familia xudía, naceu en Varsovia o 22 de xullo de 1878 (ou 1879?) e morreu -matárono- nas cámaras de gas de Treblinka o 5 de agosto de 1942. Chamábase Henryk Goldszmit, nome que utilizou sempre nos traballos de tema médico, onde abundan os relativos á infancia, a súa paixón como profesional e pedagogo. As páxinas literarias, que son moitas (contos, novelas, teatro, ensaio...), asinounas co pseudónimo Janusz Korczak, nome dun personaxe literario do novelista polonés J. I. Kraszewski. Goldszmit estreou este pseudónimo en 1899 cando presentou unha peza teatral nun concurso literario, no que foi premiado e no que as meigas da tipografía mudaron un a (Janasz) nun u (Janusz).

Non estou a falar de alguén só coñecido por un número pequeno de eruditos e si de alguén moi reeditado no seu país e traducido a bastantes idiomas e que conta, en Europa e América, con vinte e tres institucións que gardan con veneración o seu nome e difúndeno con entusiasmo. Existe xa moita bibliografía e algunha filmografía interesante. Non así en España.

Por sorte, un colega (como pediatra) de Santiago de Compostela, o doutor Antonio Pombo Sánchez, acaba de publicar o libro La derrota de la razón. Janusz Korczak: médico, educador y mártir (Xoroi Edicións, 2017). Eu tiven a honra de prologar este libro que é un manual moi pedagóxico sobre unha personalidade moral extraordinaria, tan extraordinaria que o Estado de Israel cóntao entre os «trinta e seis xustos da Terra». No magnífico libro de Pombo Sánchez, moi documentado e escrito con entusiasta adhesión, quizais desconcerta un pouco a primeira parte do título, La derrota de la razón, porque o protagonista, asasinado polos nazis, saíu, moralmente, vitorioso. Por se fose pouco, Antonio Pombo abre esta biografía cunha cita de Freud: «A razón humana é unha luciña moi pequena, pero maldito o que a apague».

Sabíao ben Korczak aquel 5 de agosto de 1942. Era un home de 64 anos que, antes da invasión nazi de Polonia, dirixira un asilo de orfos xudeus, asilo que seguiu dirixindo, despois da invasión, no gueto de Varsovia, ata esa data en que os novos amos decretan o éxodo dos nenos a un lugar de exterminio, circunstancia que o doutor non ignora. É neste capítulo onde Pombo Sánchez nos achega valiosísima información de testemuñas directas ou indirectas do feito. Sábese ben que un xefe nazi achegouse ao doutor coa proposta de que non acompañase a aqueles nenos, proposta que rexeitou iracundo. Cun neno pequeno no colo e outro collido da man, seguiu encabezando aquel desfile camiño dun destino aínda ignorado por douscentos nenos en ningún momento desamparados polo seu profesor e director.


Comentar