Pederastia e poder
Opinión
24 Mar 2018. Actualizado a las 05:00 h.
Un dos divertidísimos monólogos que o humorista Luis Piedrahita levou aos escenarios titulábase Dios hizo el mundo en siete días… y se nota, e nel sinalaba os pequenos erros que o Creador cometeu ao realizar en tan pouco tempo unha obra de tal complexidade. Sen embargo, Piedrahita non comentou os máis graves: os da sexualidade; porque o gustirrinín saíulle ben, sen dúbida, pero o instinto sexual foi unha enorme chapuza. Que nos excite a pornografía máis procaz, que gocemos co sadomasoquismo e, sobre todo, que nos sintamos atraídos por impúberes, é para que nos rompese e modelase de novo. Non o fixo o Creador, e os medios de comunicación informan con tanta frecuencia do desmantelamento dunha rede de pornografía infantil que podemos pensar que pedófilos e pederastas se reproducen coma os cogomelos no outono. Afortunadamente non é así, e os estudos máis rigorosos fíxanos no dous e un por cento da poboación, respectivamente.
En 1915 o Código Penal español agravou as penas para os condenados por delitos sexuais contra menores, pero os casos de pornografía infantil non diminuíron e o último Rexistro de Delincuentes Sexuais que non poden traballar con nenos achégase ás 41.000 persoas, homes na gran maioría.
No 2016 un titular de prensa dicía: «Pederastas adinerados abusaban de niños pobres y lo emitían en directo». Debería remexer as conciencias dos lectores e fíxoo, probablemente; porén era apenas o prólogo da denuncia que o avogado Mario Díez Fernández fixo o pasado día 8, Día Internacional da Muller e da primeira Folga Feminista en España, ao colgar en Internet un vídeo no que relata a situación kafkiana que viviron el e oito rapazas que representa, vítimas de abusos sexuais e pornografía dun coñecido fotógrafo erótico vasco, desde que, en xaneiro do 2013, presentou unha denuncia contra el no xulgado número 4 de San Sebastián. Nos cinco anos de instrución o sumario non avanzou e segue aberta a web na que, por 14,90 euros, se accede ás gravacións. A explicación que o avogado dá a esta anomalía é unha obviedade: nos abusos sexuais a menores hai políticos, banqueiros, xuíces e empresarios de inmenso poder. Despois de informar, hai tres meses, ao fiscal xeral do Estado sen obter resposta, neste vídeo volve dirixirse a el, ao ministro de Xustiza e ao presidente do Goberno para lles ofrecer os datos que posúe, incluídos os nomes dos poderosos involucrados, que xa ten a fiscalía provincial de Guipúscoa.
Mario Díez Fernández non está só. O coñecido xornalista Melchor Miralles, director de Sin filtros, colgou esta semana na rede un par de vídeos para devolver a vista aos cegos que non queren ver. Neles aparece o nome dun coñecido político socialista, que xa anunciou unha querela. O que unha xuíza non quixo resolver por vía xudicial converterase nun escándalo noxento. En breve algo cheirará a podre e non só en Euskal Herria.