La Voz de Galicia

Cátedra e política en Otero

Opinión

Xesús Alonso Montero

20 Apr 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe mesmo (20 de abril) comeza en Santiago de Compostela, no salón nobre de Fonseca, o Abril Oteriano, centrado, nas dúas primeiras xornadas, nos oito anos en que don Ramón Otero Pedrayo, xa outonal, exerceu como catedrático de Xeografía na Facultade de Filosofía e Letras (1950-1958). Don Ramón fixera as oposicións a esa cátedra na primavera de 1950, pouco tempo despois de ser reposto como catedrático do instituto de Ourense, onde estivera suspendido de emprego e soldo máis de once anos. Don Ramón foi aprobado por unanimidade, naquelas oposicións celebradas en Madrid o 31 de marzo de 1950.

Eu, estudante da Central, asistín, días antes, á exposición da lección maxistral, e aínda non saín do meu asombro. Don Ramón falou durante unha hora dos Alpes, dos Alpes tal como repercutiron na sensibilidade dos xeógrafos e dos escritores románticos. Se houbo algunha vez un poeta da Xeografía, este foi don Ramón. Sábeno ben os lectores da súa Guía de Galicia, que non ten par no xénero.

O que eu non sabía naquela primavera de 1950 é que don Ramón tivera moitas dúbidas á hora de escoller tema para o exercicio de maior lucimento nunha oposición a cátedra. Por unha carta a Filgueira Valverde sabemos que don Ramón pensara noutros dous temas, as rexións naturais de Galicia e «a historia xeográfica da calle de Alcalá [Madrid] dende que eu cheguei a ela por primeira vez o mes de outono de 1905». Don Ramón confesa, nunha carta a Del Riego, que non é xeógrafo de fichas e bibliografías, no que pouco se tiña cos contrincantes da oposición, de perfil «máis técnico».

Pero a don Ramón a cátedra de Compostela «leváballe os ollos». Noutra misiva acláranos que oposita, con 62 anos, porque llo piden «as torres de Sant-Iago e moitos amigos».

Hai cartas deses amigos que vían na cátedra de Xeografía da Universidade compostelá, se a rexentaba un cidadán como don Ramón, un símbolo da regaleguización naqueles tempos, certamente misérrimos. Son cartas, entre outras, de Ramón Piñeiro, Antón Beiras, Rodolfo Prada, Fernández del Riego e dona Virxinia Pereira, a viúva de Castelao, que, o 6 de abril de 1950, facíalle saber: «Nada lle digo da ilusión iñorme que tiña o pobre [Daniel] esperando a súa cátedra na Universidade da ciudade do Apóstolo…». Algo antes Ramón Piñeiro, aínda nunha prisión franquista, comunicáballe a don Ramón que «a súa incorporación á Universidade compostelá marcará unha nova orientación espritoal na vida universitaria de Galiza…». Se foi ou non foi así, ese será o noso tema na conferencia deste 20 de abril nun ciclo que os organizadores -a Fundación Otero Pedrayo- titula Os anos máis felices: Otero en Compostela (1950-1958).

O autor deste artigo, oito anos despois (o 5 de marzo de 1958), asistiu conmovido á derradeira lección do Mestre, proferida en galego ante o pasmo da oficialidade e as bágoas de moitos oíntes. Sobre esas bágoas existe unha emocionada carta de Ramón Piñeiro a Carballo Calero.


Comentar