La Voz de Galicia

Un novo rumbo para Galiza

Opinión

Ana Pontón Portavoz nacional do BNG

03 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Comeza un novo curso político e na Galiza faino cun panorama aparentemente inmobilista, mais en realidade aberto e con moitas máis posibilidades de cambio das que o PP e Núñez Feijoo queren recoñecer. Un síntoma da súa debilidade: o uso propagandístico da TVG e da RG, que manipulan ao seu favor sen pudor ningún.

Un país coa capacidade, cos recursos e co potencial do noso non pode resignarse á súa situación actual: agudízase a crise demográfica, destrución de tecido industrial, á cola na innovación, emigración xuvenil, precariedade, milleiros de persoas con imposibilidade de facer os seus proxectos de vida. E, diante dese panorama, estamos sen goberno. Feijoo está literalmente desaparecido, pasando dos problemas da sociedade galega e centrado na súa ambición particular de dar o salto a Madrid. Fracasado o intento, continúa na dimisión das súas responsabilidades. Nin ten proxecto, nin ten iniciativa, nin ten capacidade. Cada día que pasa a irrelevancia política á que conduce a Galiza é máis evidente.

A chave é comprendermos que non ten por que ser así. Non podemos aceptar como normal pagar as peaxes máis caras do Estado; termos as pensións máis baixas do Estado; que a xente nova siga emigrando; que os concellos galegos reciban menos financiamento que o resto do Estado; que morra xente polos recortes. E non podemos aceptar como normal que a Xunta renuncie -pola ideoloxía centralista do PP- a propostas beneficiosas para as maiorías sociais: unha tarifa eléctrica galega que rebaixe a factura da luz; unha banca pública ao servizo da economía real; un concerto económico que nos permita ter máis recursos para financiar a sanidade, a educación, a dependencia ou mellorar as pensións.

Galiza debe abordar retos importantes neste novo curso político: emprego, axenda galega de grandes temas ante o Estado e igualdade de xénero. Para avanzar nestas prioridades é clave deixar atrás a irrelevancia política á que arrastran a Galiza as forzas estatais e impulsar políticas que aposten pola innovación, polo tecido produtivo, polo emprego de calidade, pola igualdade das mulleres e o coidado do noso medio ambiente. O desenvolvemento social e económico de Galiza pasa polo empoderamento da nosa sociedade, por facernos cargo de nós mesmas e poñer nun primeiro plano as aspiración e as necesidades da sociedade galega.


Comentar