Un mal exemplo
Opinión
15 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.
Lamentable comportamento da tenista Serena Williams no Open dos Estados Unidos e vergonzoso espectáculo o que deron ela e o seu público ao final do partido. Serena Williams, de 36 anos, con 23 títulos de Grand Slam na súa carreira, perdeu o partido ante unha novísima xaponesa, que xogou mellor ca ela, e dedicouse a xustificar a súa derrota acusando ao xuíz de cadeira de mentireiro e ladrón por roubarlle puntos, e ameazouno con que nunca máis arbitrará un partido no que ela xogue.
Serena Williams gañou por xogar a final dese torneo case dous millóns de dólares e só foi sancionada con 17.000 por violacións do código de conduta.
Ela atribúe todo o sucedido a unha discriminación por ser muller.
O público, que durante todo o partido animou á americana, apupou ao xuíz de cadeira e, no momento de recibir o trofeo, tamén á gañadora, que acabou chorando e case pedindo perdón por gañar.
Finalmente, Williams botouse tamén a chorar e pediu ao público que non apupasen á xaponesa, o que foi cualificado pola presidenta da Asociación de Tenis dos Estados Unidos, nun comunicado difundido en Twitter pola organización do torneo, como «un xesto de clase dunha campioa de verdade».
Poucas veces se viu no mundo do deporte tal acumulación de prepotencia, manipulación e falta de espírito deportivo por parte da xogadora, da organización do certame e do público.
Oxalá que o exemplo non renda. Esta non é a igualdade pola que loita o feminismo.