La Voz de Galicia

Reaxustes eléctricos nos impostos

Opinión

Xavier Alcalá

15 Oct 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Hai días La Voz de Galicia publicaba unha interesante páxina sobre a contaminación que xeran os motores de gasóleo, comparados con aqueles que son de gasolina.

Do informe, elaborado por tres expertos de diferentes áreas do coñecemento, logo se deducía que é difícil decidir entre esas técnicas de motorización pois cada unha ten vantaxes e inconvenientes. Os especiais de automobilismo de La Voz tamén se ocupan de mostrar os avances da propulsión con gas natural, hidróxeno, eléctrica con baterías, híbrida... Todo o lido permite albiscar un futuro diferente neste eido da actividade humana.

Na automoción pártese de que petróleo e gas non faltan no noso globo aínda que captalos sexa cada vez máis difícil, o cal implica maiores custos, a repercutir no peto do usuario de combustibles tradicionais. Na maioría das economías, a gasolina, o gasóleo e o gas postos á venda nas estacións de servizo levan sobre o prezo en orixe unha grande porcentaxe de impostos con destino ás arcas do Estado.

Fronte a isto aparece unha nova realidade. O prezo da carga das baterías dos coches eléctricos para un percorrido de centos de quilómetros vén sendo de algún euro. Ou sexa que, se a compra de coches de motorización eléctrica se populariza (xunto coa híbrida recargable), van caer os ingresos das administracións públicas por impostos aos combustibles. Terá que haber «reaxustes eléctricos».

Cousas veremos.


Comentar