La Voz de Galicia

Tres segundos

Opinión

Antón Riveiro Coello

25 Oct 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Non sei se é un vicio mal aprendido ou talvez teña que ver con aquelas moreas de test que nos facían nos colexios para comprobar a nosa intelixencia; o caso é que sempre gustei de facer preguntas trampa para detectar todas as mensaxes escuras que poidan agachar as respostas. Por exemplo, cando alguén enfoca toda a súa vida no futuro dos fillos como unha prolongación das súas propias frustracións, adoito elevar unha pregunta para a que esixo unha resposta rápida que non leve máis de tres segundos: «Que prefires, unha filla médica infeliz ou unha filla feliz que limpa latrinas nunha cidade?» É probable que ti, como persoa sensata, non dubides na escolla, pero podo garantirche que o desexo de moita xente adoita traizoar a razón e son moitos os que se decantan pola infelicidade.

Estes días, logo de escoitar a actitude xenófoba dese individuo branco que insultou dun xeito violento a unha muller xamaicana de raza negra, con 77 anos e problemas de artrite, que ía ao seu lado nun asento do avión, volveron xurdir dentro da miña cabeza unha serie de preguntas de dobre sentido. A primeira, sen dúbida, iría dirixida á xestión do problema que levou á compañía Ryanair a colocar a vítima noutro asento. A segunda faríanola a todos nós, coma se tamén fósemos os pasaxeiros que, na súa meirande parte, ficaron calados diante de algo tan noxento e flagrante. Advirto que a pregunta deberémola contestar en menos de tres segundos. «Farías algo se un home negro nun avión lle espeta con violencia a unha anciá branca que non lle fale nun idioma estranxeiro, que é unha estúpida vaca fea, que se non se afasta do seu camiño el mesmo o fará?». Síntoo. Coido que xa pasaron os tres segundos.


Comentar