Galicia, o meu compromiso
Opinión
16 Jan 2019. Actualizado a las 11:45 h.
AOs Presupostos Xerais do Estado destinan a Galicia 8.485 millóns de euros para este ano, cun aumento de 207 millóns respecto ao 2018. Tendo en conta os fondos do financiamento autonómico e a inversión incorporada nas contas públicas, Galicia disporá de máis recursos en 2019 que no exercicio pasado, aínda que é certo que o conxunto da torta é máis grande. Pero o máis relevante é que, ante a desigualdade social e o risco de exclusión, a prioridade social ten que ser a marca definitoria destes Presupostos.
A suba das pensións, o incremento dos salarios de empregados públicos, a universalización da sanidade, as prestacións para parados de longa duración, a aposta pola dependencia, a suba das bolsas para os sectores máis vulnerables… constitúen un paquete de decisións moi beneficioso para a cidadanía do conxunto do Estado, con maior importancia nunha Galicia con salarios, rendas e pensións máis baixas que na media do Estado. Máis dun millón de galegos notarán directamente nos seus ingresos mensuais o compromiso plasmado nos orzamentos. Xa só por iso son importantes.
Garantida a prioridade social, toca falar de investimentos. É certo que en 2019 Galicia recibirá unha contía real superior á que lle correspondería en función do seu peso no PIB e na poboación española, pero é certo tamén que, para os que cremos nunha España da solidariedade e da equiparación das infraestruturas, ese argumento non é nin será suficiente.
O Goberno garante os fondos necesarios para a conclusión das obras para a chegada do AVE a Galicia, e incorpora distintos proxectos. E no penúltimo Consello de Ministros do pasado ano aprobouse un investimento histórico de 4.325 millóns de euros para o naval público galego, con inmensos efectos sobre o crecemento económico e o emprego. Por certo, por que moitos ocultan a inversión nas fragatas á hora de facer balance do compromiso de gasto con Galicia?
É positivo para España e para Galicia que haxa Presupostos, e desde Galicia temos que traballar para ter os mellores números posibles para o noso país. Pero cando hai posibilidades de investimento, Galicia non pode quedar á marxe. E Galicia é o meu compromiso.
Aplaudo a prioridade social dos Presupostos, poño en valor o compromiso coa chegada do AVE, e a maiores saliento o investimento plurianual histórico para a construción das fragatas en Ferrol. Pero á vez considero que hai proxectos necesarios en Galicia que deben ter acomodo nuns orzamentos expansivos e positivos para o conxunto do país.
Sabemos que o PP orzaba e non executaba en Galicia, que Rajoy deixou de gastar máis de 2.000 millóns de euros na nosa comunidade co silencio de Feijoo, e que a súa prioridade é pactar con VOX en vez de negociar uns orzamentos necesarios para a cidadanía. Por iso, os socialistas galegos mantemos e manteremos a Galicia no centro do noso compromiso.