La Voz de Galicia

Entroido internacional

Opinión

Antón Riveiro Coello

31 Jan 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Pois si, o entroido de Xinzo xa é de interese turístico internacional, unha distinción que só acadaron os carnavais de Tenerife e mailo de Cádiz.

De momento, convén celebrarmos este premio colectivo e agradecerlles ás persoas que fixeron as xestións oportunas para este recoñecemento, que é un orgullo para a xente da Limia, aínda que non tardaremos en nos queixar, porque xa hai tempo que reparamos nos serios problemas que trae a masificación e mesmo recorremos á ironía para lles dicir aos turistas que vaian ao entroido de Laza ou Verín, porque seica son mellores. Pero nin así.

Supoño que esta nova consideración ten os seus alicerces no feito senlleiro de que o noso entroido é o máis longo de todos. A ver quen ten unha festa que dure máis dun mes!

En segundo lugar, o atractivo do noso entroido está tamén en algo que a min me parece fundamental, como é o seu carácter participativo. Hai moito tempo que o noso entroido deixou de ser unha festa de miróns que só levaban unhas cantas fotos etnográficas para a casa. Agora o forasteiro perdeu esa condición e vén coa certeza de pertencer e ser parte dunha festa construída por e para todos. Xa non existe esa concepción propietaria dos oriúndos nin tampouco a sensación de estrañeza por parte dos quen veñen de fóra, que axiña se integran na veciñanza exclusiva dun entroido que lles debe moito ás persoas, sempre criticadas, que formaron parte das diversas comisións; e, sobre todo, á xente que loitou por manter a singularidade dun disfrace como a pantalla, así como dunha festa que se adaptou aos novos tempos gardando a esencia da tradición e do que sempre foi: un fabuloso teatro sen espectadores, onde todo o mundo actúa e interpreta o seu papel. Parabéns!


Comentar