Pais maleducados e nenos insufribles
Opinión
14 Feb 2019. Actualizado a las 10:27 h.
Leo en La Voz un artigo sobre o que chaman «antiniñismo» ou nenofobia, unha actitude de moitos adultos que queren aos nenos lonxe.
Os sociólogos poñen o acento no egoísmo e individualismo desa actitude, pero os comentarios ao artigo decántanse por sinalar o que hai de mala educación por parte dos pais, que en lugar de ocupárense dos seus fillos e impedir que molesten ao próximo dedícanse a consentilos e a deixalos campar ás súas anchas.
Os nenos poden ser marabillosos, unha das alegrías da vida: a súa mirada luminosa, a súa risa feliz, a graza dos seus movementos, a súa forma de falar… Pero poden ser unha tortura cando non se sabe canalizar os seus instintos para convertelos en seres sociais.
Creo que vivimos nunha sociedade, polo menos canto á clase media, na que os nenos impoñen a súa vontade ás familias e fan o que lles dá a gana, algo que con gran frecuencia significa gritar coma posesos, perseguirse entre as mesas dos restaurantes, patear reiteradamente o respaldo da túa butaca, tirarse «á bomba» durante horas na piscina impedindo nadar a quen o desexe, correr e berrar polos corredores do hotel ou do apartamento de verán á hora da sesta… ou estomballarse no corredor dun vagón de tren, ata que o pai , de malos modos e entre rabechas e berros, levanta o rapaz para deixar pasar os viaxeiros.
Ou sexa que a nenofobia é comprensible. Nenos si, pero ben educados.