Presenten os cans a morte?
Opinión
24 Feb 2019. Actualizado a las 05:00 h.
Unha das crenzas máis arraigadas no mundo rural é que os cans presenten a morte e ouvean cando alguén vai morrer. Estou a reler para facer unha edición a poesía de Rosalía de Castro, e un dos seus poemas comeza así: «Cala, can negro, n’ouvees / á porta de quen ben quero; / corvos non voés por riba / do sobrado onde está enfermo».
Ía poñer unha nota a pé de páxina sobre as supersticións, pero acordeime de Shannen Doherty, a actriz de La casa de la pradera, que nunha entrevista contou que a súa cadela uliscáralle obsesivamente o peito dereito, moito antes de que os médicos lle detectasen o cancro de mama. E tamén de que unha muller acudiu á consulta de dermatoloxía no King’s College Hospital de Londres, porque, aínda que tiña moitos lunares, a súa cadela levaba meses pegando o fociño só a un deles, e mesmo tentou de arrincarllo. Descubriron que era un melanoma e o caso publicouse na revista científica The Lancet.
Ou sexa que os cans poden descubrir co seu olfacto diversos tipos de cancro. No Hospital Clínico de Barcelona, un can chamado Blat distingue as persoas que padecen cancro de pulmón cunha fiabilidade próxima ao 100 %. O estudo está publicado na revista European Journal of Cardio-Thoracic Surgery. O ouvear do can ten máis bemoles do que parecía. Non é que presinta á morte, é que percibe un cheiro que a súa experiencia identifica como de corpo morto. E por iso non ladra, nin osma, senón que ouvea, é dicir, manifesta a súa dor pola próxima perda dun ser ao que acompañou cando había nel vida sa.
Non puxen a nota, pero pensei que pagaba a pena contalo.