La Voz de Galicia

As mulleres poden decidir

Opinión

X. L. Franco Grande

11 Mar 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Vexo algunhas posibilidades de que as próximas eleccións do día 28 de abril as decida o voto feminino. Non só pola forte mobilización que tivo lugar o día 8 deste mes, como nunca antes se ten dado, senón porque se dan todo un conxunto de circunstancias que nos levan a pensar así.

A primeira de todas -hai que estar cegos para non vela- é que o movemento feminino é universal, está en calquera ambiente e en todos os eidos. Dixen movemento feminino e non feminista, pois paréceme que se pode asegurar que ese movemento é máis amplo e vai máis alá do feminismo. Penso que veu para quedar e que vai triunfar porque é de sentido común, porque é transversal, porque responde a unha aspiración lóxica de boa parte da sociedade, porque é unha vergonza que, nunha democracia, existan desigualdades por razóns de sexo.

É visto que unha democracia con esas desigualdades é unha democracia cunha eiva moi importante, tanto que supón que a metade da poboación non dispoña dos mesmos dereitos que a outra metade. E quen ten menos dereitos é claro que tamén merecerá menos consideración.

Votarán o día 28 as mulleres por opcións políticas que negan as reivindicacións femininas? Infelizmente, penso que moitas votarán contra o seu criterio a esas opcións. O que porá de manifesto que é moito camiño o que aínda lles queda por percorrer. Liberar as mentes de prexuízos non é tan doado. E ese pode ser un bo problema.

Algunhas desas opcións negativas, sospeitando o que lles pode vir enriba, xa comezaron a sacar feminismos con apelidos (feminismo liberal, o que é de risa).

É de supoñer que, en xeral, as mulleres saberán o que teñen que facer para defenderen os seus dereitos e non deixarse coller en trapelas ou engados de tan pouca monta.

Optimistas que somos.


Comentar