Insurxencia mundial polo clima
Opinión
24 Sep 2019. Actualizado a las 05:00 h.
En Madrid cada vez hai máis Madrid, no Congreso dos Deputados cada vez pensan en máis eleccións e menos en facer leis, no Goberno central mudaron a política polas campañas electorais. Mentres, no mundo están acontecendo algunhas cousas importantes e pouco esperanzadoras. A única que inspira simpatía, a que merece máis atención, é a protesta global dos estudantes contra o cambio climático desatada nos últimos meses. A crise medioambiental que ameaza a toda a poboación mundial está converténdose na principal preocupación para a xente moza, na medida en que os efectos do quecemento global son máis evidentes e as medidas dos gobernos para corrixilo menos contundentes. Accións como a da adolescente sueca Greta Thunberg desembocaron no primeiro encontro da mocidade contra a crise climática convocado pola ONU e nunha exitosa mobilización global en máis de mil cidades, previa á cumio do clima desta semana en Nova York.
Non é un alarmismo desmedido o que move á xente moza, nin intereses económicos, ideolóxicos ou partidarios. Tampouco están manipulados. Son conscientes do planeta que van herdar e para sabelo chégalles ir á escola e ver informativos. Este ano rexistrouse en Kuwait a temperatura máis elevada coñecida: 63 graos centígrados. En París tampouco chegaran nunca aos 45 graos. Os incendios de Siberia e o acelerado derretemento dos glaciares no Ártico proban un desequilibrio climático imposible de agochar. Son datos que lembraban estes días o secretario de Medio Ambiente de México, Víctor M. Toledo, ou o secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres. O primeiro é un reputado experto mundial en agroecoloxía e metabolismo social, estudoso da relación entre as sociedades e a natureza na historia. O segundo, exprimeiro ministro de Portugal, enxeñeiro de formación, con ampla experiencia de goberno, lidera dende a ONU a solución da crise ambiental. Os dous coñecen e entenden ben a dimensión do problema e son conscientes dos atrancos para abordalo.
Un estudo recen publicado na revista Science da conta da drástica diminución do número de paxaros. Nos últimos cincuenta anos desapareceron case a metade dos máis comúns: pardaos, andoriñas, estorniños. As perdas de avifauna estimadas para Norteamérica e Europa cóntanse en miles de millóns. Hai anos que llo veño escoitando á xente maior que vive na aldea dicir que desaparecen os paxaros. O Barbeiro de Piñeira, un vello dirixente labrego mariñán, contábamo preocupado hai anos. E logo tiña razón. Os datos poñen en evidencia unha emerxencia ambiental, pero aquí seguimos ocupándonos de reintroducir o oso pardo onde desapareceu hai case cen anos ou de xestionar medidas cosméticas para facer pasar por ecolóxicos alimentos ou produtos que non o son. A distancia entre as medidas adoptadas e a magnitude do problema é o que está mobilizando á xuventude que vivirá no planeta no 2050. A todos estes adolescentes preocupados pola crise ambiental que están a vivir en directo témolos nas aulas e na casa falando do asunto dende hai tempo, e semella que non lles faciamos moito caso. Mentres a política española segue na inercia electoral para intentar volver ao bipartidismo, case tan despistada coma a do Reino Unido, ocupada en recuperar o vello esplendor.