Endesa: a marea non agarda a ninguén
Opinión
28 Sep 2019. Actualizado a las 19:29 h.
En tempos de proteccionismo, Galicia acolleu a unha serie de industrias que se aproveitaron do baixo custo dunha electricidade subvencionada. Algunhas delas, como a do aluminio, víronse especialmente favorecidas, gozando así das vantaxes dunha produción falsamente competitiva nos mercados internacionais. Desde a integración na Unión Europea, a industria -e non só ela- foi tendo que enfrontarse á realidade dos feroces mercados capitalistas. Coa mesma lóxica do capital, cando veñen mal dadas, as empresan que mellor souperon chuchar do sistema que parasitaron, liscan na procura de mellores tetos. E, aínda que cabe supor que certos sistemas económicos rematarán afogados nas súas propias contradicións, o crecente interese -non sempre preocupación- pola sustentabilidade do sistema vai ser unha pexa mais nesta xeira. E os mecanismos disuasorios van esganar a aquelas industrias que non quixeron -ou non souperon- mirar ao que se lles viña enriba. Atinxe agora tocarlle o que de seu non sona á máis rendíbel central termoeléctrica que aturamos na nosa terra, que fora da Empresa Nacional de Electricidad, Endesa, onte española, hoxe a italiana. Certo, mais canto tempo hai dende que sabemos que queimar carbón ten, na Unión Europea, data de caducidade? Iniciativas houbo que apostaron polo aproveitamento dos nosos ventos e por converter a nosa rexión nun referente atlántico do gas natural. No canto de chorar polo leite derramado, poderemos escoitar aos nosos colexios profesionais defender como industria de futuro a que pode agromar en Ferrolterra arredor do gas natural? E os representantes dos traballadores, atreveranse a amparar a reparación de gaseiros, a adaptación ao transporte de motores de baixas emisións, o abasto de embarcacións a navegar polas áreas de protección ambiental, a xeración eléctrica de respaldo ao aproveitamento dos recursos renovábeis?
Mentres defendese o indefendíbel, pretendendo recuperar trasnoitados paternalismos proteccionistas, algúns non deixamos de apostar por un país non subvencionado, devecemos por un país que saiba apostar polas súas potencialidades, e defender aos seus traballadores enriquecendo a súa formación e capacitación. Gustaríame saber cando todos aqueles que viven dos nosos tributos á facenda pública terán afouteza bastante para defender a nosa industria viábel: construción naval e automoción; industria enerxética dos recursos renovábeis; minería sustentábel; gas natural, biogases e hidróxeno; industria agrogandeira e forestal; pesca, acuicultura e transformados da pesca; transformación das rocas industriais e da madeira...
Retrucando o titular da Voz («El inicio del cierre de Endesa en As Pontes, otro mazazo para Galicia»), que esta sexa efectivamente unha mazada para espertamos, para que os choromiqueiros deixen de laiarse polas causas perdidas, para que os nugalláns non imploren polos cartos públicos, para que a nosa arela mire por un país non subvencionado. E no tránsito, que se axude a saír adiante aos que van perder o seu posto de traballo, pero que se os axude a ser quen de afrontar novas tarefas, a saíren da súa rutina, orgullosos das súas capacidades e habelencias, e non malpocados receptores dos cartos de todos.