Olalla
Opinión
09 Jan 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Olalla ten dous anos. Non coñezo a súa cara, aínda que vin unha fotografía dela, sentada sobre as pernas, no chan, xogando. Está de perfil, para que se aprecie que precisa duns implantes nos oídos.
Foi por iso, precisamente, polo que o nome de Olalla se fixo viral, por un problema. Nestes días de comezo de ano, de perda de rutinas e cambios, Olalla extraviou os seus implantes. Sen eles, non percibe sons.
A Olalla operárona para poder oír, nun proceso complexo do que só se ve a parte externa, xusto eses dispositivos. A nai prega que quen os atope llos faga chegar, pois só serven para a pequena e non teñen cartos para repoñelos.
Neste momento inicial da súa vida son indispensables para o desenvolvemento, presente e futuro.
Estou convencida de que ninguén os atopou, porque os entregaría. Hai xente boa no mundo e aínda queda solidariedade. Ao non dar con eles tiveron que pedir axuda económica para mercar outros. Están desbordados.
Superaron a cifra necesaria, por iso pecharon a conta. Eles só queren os implantes, nada máis. O excedente será doado a unha asociación que axuda a xente con problemas de audición (Anpanxoga). Amosarán a factura do que usarán eles.
Que queren que lles diga... encólleseme o corazón. Houbo casos que puxeron a proba a xenerosidade e fe da xente. Sería inxusto que pagase Olalla pola cobiza dalgún. Por iso eu confío e agrádame ver que non están facendo un circo mediático coa pequena.
Isto é unha lección dobre. A saúde é un tesouro. A honestidade, tamén.