Centenario do poeta encadeado
Opinión
24 Jan 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Oluns pasado, 20 de xaneiro, cumpriría Marcos Ana cen anos. Tiña case 97 cando morreu, en Madrid, o 24 de novembro de 2016. Asombra esa lonxevidade nun home que pasou 23 anos nas prisións franquistas en tempos tan ríspitos naquel inhumano sistema penitenciario (1939-1961). Chamábase este cidadán español Fernando Macarro Castillo, fillo de Marcos e Ana, binomio que foi o seu nome literario e axiña o nome habitual para parentes, amigos e camaradas.
Eu coñecino en Moscova, nun Congreso da Paz, no verán de 1962. El gozaba, nesas datas, dos seus primeiros meses de liberdade, que aproveitou eficazmente, en varios países de Europa e América, para facer saber, a tirios e a troianos, que na España de Franco había centos de presos políticos indefensos xudicialmente e en míseras condicións. No hotel Ucraína da capital soviética, José Agustín Goytisolo, Ricard Salvat e mais eu asistimos a conversas nas que o poeta Marcos Ana era un prosista cheo de paixón, de optimismo e de saber, nunha prosa nunca revanchista.
Non sei se Marcos Ana naceu poeta pero sabemos que se fixo poeta, xa con algúns anos de cárcere, naquel sórdido universo entre reixas. Xa aquí é inevitable a vella definición: a poesía é unha defensa contra as ofensas da vida. Na prisión non só fixo poesía persoal, senón que colaborou con algúns compañeiros de ideario e infortunios para construír unha peza de teatro sobre Miguel Hernández que se representou, clandestinamente, no Penal de Burgos no outono de 1960. O único exemplar existente desa peza, Sino sangriento, saíu, «milagrosamente», da prisión, e no ano 2007 o Grupo Marte (Madrid) fixo unha edición moi coidada e fidedigna (eu falei dela, no seu día, en La Voz de Galicia).
A poesía de Marcos Ana abrolla da súa vida e da vida dos que sofren a historia e nunca perden a esperanza. Xa en 1956, na prisión de Burgos, escribía: «Mi vida, /os la puedo contar en dos palabras: / un patio y un trocito de cielo / por donde a veces pasan / unha nube perdida / y algún pájaro huyendo de sus alas». O patio -o patio carcerario- é tema recorrente, excelso no poema que titulou Mi corazón es patio e que finaliza con estes dous versos: «Un patio donde giran / los hombres sin descanso».
En Galicia, desde o ano 2003, Marcos Ana conta cun grupo moi numeroso de admiradores e tamén de lectores. Nesa data presentouno en Oleiros a profesora Carmen Becerra coa súa sabia, sobria e convincente oratoria, e nesa data Mini e Mero estrearon, como canción, a versión galega do poema Decidme cómo es un árbol. Agora estamos á espera de que se publique a monografía de Francisco Novoa Blanco Marcos Ana: Palabra, prisión y vida. Trátase dun traballo de mestrado que dirixiu, na Universidade da Coruña, a profesora Olivia Rodríguez.
Pois ben, a TVE, dun Goberno que conta con dous ministros comunistas, non foi quen de lembrar o nome deste extraordinario cidadán e gran poeta no día do seu centenario. A omisión é grave, e non sería menor no caso de que a TVE estivese dirixida pola dereita.