Estudar na casa non é igual para todos
Opinión
06 Apr 2020. Actualizado a las 05:00 h.
O grande labor de compensación educativa que está a levar a cabo a escola galega, é unha das características de seu que máis imos botar en falta nesta situación de parálise. O famoso Informe PISA constatou que temos unha alta equidade en educación, ata o punto de atopármonos no cumio do Estado en fomento das mesmas oportunidades de acceso a unha educación de calidade, con independencia do contorno socioeconómico do alumnado. Un 85 % dos estudantes máis desfavorecidos comparten aula cos das outras clases sociais, o que nos sitúa ao nivel de países como Suecia, Canadá ou Finlandia.
As diferenzas de rendemento educativo dos alumnos dependen máis da súa orixe socioeconómica ou da calidade do profesorado, que dos recursos con que conten os seus centros de ensino. Xa que logo, este tempo de confinamento vai afectar de maneira moi directa a esa igualdade de oportunidades, da que debemos estar orgullosos. Os rapaces máis desfavorecidos carecen dos medios informáticos necesarios ou da suficiente competencia dixital, pero sobre todo non teñen na casa as orientacións e incluso as clases, coas que si contan outros compañeiros.
Paliar na medida do posible esta discriminación require, ademais da dotación urxente deses medios materiais, dun profesorado moi implicado que apoie, coa atención individualizada máis viable (correo electrónico, teléfono, videochat...), a aqueles alumnos que non conten con axuda na casa e que teñan dúbidas tanto de manexo informático como dos propios contidos académicos. En calquera caso a Administración debe ser moi rigorosa na toma de decisións cara a este último trimestre do curso. Se a actividade académica presencial non volve axiña á normalidade, non debería continuarse coa programación didáctica prevista e tampouco realizar probas de avaliación. O sistema non está preparado aínda para un ensino regrado telemático, co que resultaría imposible garantir unha igualdade de condicións nas moitas tarefas a realizar e sairían moi prexudicados os alumnos peor situados.
Aínda así han xurdir problemas especiais, que requiren solucións complexas, como a recuperación de avaliacións anteriores, cualificacións dos estudantes de 2º de Bacharelato, promoción e titulación, etcétera. A flexibilidade será imprescindible, pero hai que ter moito coidado para que non ocasione inxustizas, moi difíciles logo de reparar. Por tratar de beneficiar a unha maioría de alumnos, pódese prexudicar aos que se esforzaron máis e que, con todo dereito, aspiren a notas altas. E tamén a aqueles máis desfavorecidos que, diante da falta de oportunidades, acumulen retrasos ou opten por abandonar o sistema educativo antes de tempo.
alumnos peor situados.