La Voz de Galicia

Contra o medo, información veraz

Opinión

Marina Mayoral

14 Apr 2020. Actualizado a las 05:00 h.

Hai un mes a OMS consideraba que «as únicas medidas eficaces» para conter a pandemia eran as adoptadas por China, pero engadía que «a maioría da comunidade global non está preparada, nin mental nin materialmente, para implementar a contención empregada en China». No fondo suxeríase que só un país cun goberno totalitario podía implantar tales medidas.

Agora estamos inmersos nesas medidas, parece que se está contendo a epidemia, pero tamén se están producindo efectos non desexados.

O medo á enfermidade e as consecuencias económicas dun longo confinamento está a levar a unha parte da poboación a aplaudir medidas que van en contra dos dereitos humanos e mesmo da razón. Nas redes difundíronse bulos sobre medidas adoptadas por Putin en Rusia: que ou quedas na casa ou cinco anos ao cárcere; que sacou leóns á rúa para controlar que ninguén saia. O significativo do asunto son algúns dos comentarios dos lectores: «Así se fai!», «ben feito!»…

Nestes momentos en que o Goberno ten un poder absoluto é necesario loitar contra o medo irracional que nos leva a aceptar calquera medida con tal de que prometa mellorar a situación. Agora é máis necesario que nunca manter unha conciencia crítica. E para iso necesitamos que os medios informativos sexan de verdade independentes e libres, que non se deixen comprar, nin amordazar; que as críticas á xestión do Goberno non obedezan a intereses partidistas, nin tampouco que sexan por sistema cualificadas de insolidariedade.

Agora, aos medios informativos tócalles xogar un papel fundamental. Poden ser os novos heroes da crise. Nas súas mans está proporcionar á sociedade unha información independente e veraz, que nos axude a manter unha conciencia crítica. Poden e deben facelo.


Comentar