La Voz de Galicia

A cosmética na prevención de riscos laborais

Opinión

Carlos Montes Presidente da Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións. Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

28 Apr 2020. Actualizado a las 05:00 h.

A covid-19 obrigou a empresas e organizacións de todo o mundo a tomar parte no experimento social máis importante sobre o futuro do traballo. A contorna que deixa ao seu paso é moi complexa e pouco ten de parecido co día a día de comezos do mes de marzo. O decreto polo que se declarou o estado de alarma e as medidas de confinamento e de distanciamento social cambiaron radicalmente a forma en que traballamos e nos relacionamos. Mais non se trata só de traballar desde unha localización diferente, no mellor dos casos, loitando por facer o traballo en remoto mentres se comparte habitación con nenos, parellas ou mascotas, senón que representa unha forma totalmente nova de pensar e operar, alterando sen precedentes a natureza propia da actividade laboral e as condicións en que a realizamos. Este novo escenario trae consigo demandas ata o momento impensables como o medo ao contaxio ou a incerteza sobre o futuro que se estenden tan rapidamente como a enfermidade mesma. Pero tamén engade aos novos riscos hixiénicos a intensificación doutros problemas cognitivos e psicolóxicos derivados do confinamento que, sen dúbida, deixarán unha pegada duradeira na forma en que as persoas vivimos e traballamos.

Hoxe, na data na que a Organización Internacional do Traballo conmemora o Día Internacional da Seguridade e Saúde no Traballo, desde os balcóns nos que nos vemos confinados polo coronavirus hai realidades que xa non se poden maquillar. Precisamente, diante do espello, a imaxe que nos devolve é un reflexo ingrato de anos sen cambios, case estáticos no que se refire ao desenvolvemento eficaz da seguridade e á saúde no traballo, nun modelo debilitado polas inercias de orixe e polos recortes posteriores á crise. As organizacións e as persoas que as lideran precisan un novo plan de xogo, unha cultura creada ao redor da Prevención, con maíusculas. Necesítanse políticas públicas renovadas, para que a saúde e a seguridade das persoas traballadoras sexan o verdadeiro eixo sobre o que pivote todo o sistema. Isto é, precisamos un cambio social en toda regra mentres tratamos de aplanar a curva do coronavirus. Confiemos en que sirva para percatarnos da importancia de coidar da saúde, tamén da psicolóxica, das persoas traballadoras, e na recuperación socioeconómica que nos queda por diante.


Comentar