La Voz de Galicia

Mata ao seu fillo de 5 anos

Opinión

Marina Mayoral

19 May 2020. Actualizado a las 05:00 h.

O covid-19 e o confinamento unidos están provocando condutas irracionais. O soño da razón produce monstros, escribiu Goya ao pé dun dos seus gravados. E non só en forma de pesadelos. Cando a razón perde o control do cerebro, adoita saír á superficie o peor dun mesmo: a persoa egoísta, envexosa, agresiva, ou, como neste caso, o asasino que subxacía en Cevher Toktas, un modesto xogador de fútbol turco.

Sucedeu durante esta crise, cando o seu fillo de 5 anos estaba ingresado no hospital con síntomas de covid-19.

Once días despois de matar o seu fillo, el mesmo se autoinculpou do crime e contoulle os detalles á policía. Tras dúas horas encerrado co seu fillo no mesmo cuarto do hospital, tivo un ataque de nervios: «Presionei unha almofada sobre o meu fillo cando estaba deitado boca arriba. Durante 15 minutos presionei a almofada sen levantala. O meu fillo estivo a loitar durante ese tempo. Cando deixou de moverse, levantei a almofada. Logo berreille aos médicos para evitar calquera sospeita sobre min».

Segundo consta no informe policial, confesou o crime con total frialdade, engadindo como explicación que «nunca quixen ao meu fillo menor desde que naceu. Non sei por que. A única razón pola que o matei ese día é porque non me gustaba. Non teño ningún problema mental». As últimas imaxes da vítima mostran a un neniño con máscara, que recolle a bata azul que o envolve para non pisala. Conseguira sobrevivir cinco anos xunto a un pai que non o quería. Pobre criatura! Pero só sobreviviu dúas horas xunto ao asasino tolo con quen compartía cuarto no hospital.


Comentar