Resulta que as mulleres temos a culpa da pandemia
Opinión
08 Jun 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Filtrar conversas off the record vai contra a ética, non só xornalística, da que carece certa dereita que non asumiu a lóxica democrática de perder as eleccións. Pero non imos rachar as vestiduras porque haxa xornalistas ao servizo do poder, como tampouco imos estrañarnos de que un informe da Garda Civil apeste a machismo.
O 8 de marzo celebráronse manifestacións porque case ninguén vía a gravidade do coronavirus. Ollen nas súas axendas todo o que facían, se non son capaces de lembrar o que pensaban. Toda esa semana houbo fútbol, ese intocábel deporte de machos!, como tamén houbo mitins antifeministas. De feito, vergoñentas fotos hospitalarias de ultradereitistas infectados demostran contaxios que non foron precisamente no 8M. Eles tamén usaban desde a padiola a linguaxe bélica coa que a Garda Civil se expresaba nos partes de guerra iniciais. Nin sequera ela amosou daquela preocupación oficial pola celebración do 8M nas rúas! Por que non, se todo era tan obvio como di agora o seu informe? Aqueles días eu dei conferencias, e, igual que a ministra Montero off the record, imaxinaba que un certo medo provocado polas imaxes de cadaleitos en Italia provocaba ausencias. E se Montero evitaba dicir en público que o virus minguara a manifestación non era porque pensara en drásticas medidas sanitarias, senón na lóxica política de ter que recoñecer un fracaso do feminismo despois dos masivos 8M anteriores. Pero as mulleres somos peores aínda facendo o mesmo que os demais.
As cousas hai que tomalas segundo de quen veñen, e os informes da Garda Civil, que non se caracterizan pola súa perspicacia, tampouco están escritos precisamente por adalides do feminismo. Sospeiten.