Setenta anos con nós
Opinión
25 Jul 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Van alá setenta anos, dun día como o de hoxe, no que un grupo de militantes do Partido Galeguista na clandestinidade xuntáronse nos baixos do hotel Compostela, na cidade de Santiago. A xuntanza, que pasaba por unha reunión de amigos, tiña como finalidade botar a andar un proxecto editorial, a editorial Galaxia, que en circunstancias moi adversas aspiraba a converterse no motor civil dun país que non se abaixaba, que non renunciaba a existir, e que a súa vez servise de acubillo para poder actuar a prol de Galicia no marco dunha ditadura férrea. O galeguismo posible, poderiamos dicir; ou aquel que se podía dar naquela España encarcerada
Aquela xuntanza do 25 de xullo de 1950 estaba presidida por Ramón Otero Pedrayo e nela aprobáronse por unanimidade os estatutos e a designación dos cargos executivos, que non eran outros que o Comité do Partido Galeguista: presidente, Ramón Otero Pedrayo; vicepresidente, Manuel Gómez Román; conselleiro-delegado, Xaime Isla Couto; secretario, Francisco Fernández del Riego; vogais, Xesús Ferro Couselo, Sebastián Martínez Risco e Antonio Fernández López.
Galaxia concibiuse dende o principio coma moito máis ca unha editorial. Naceu coma un proxecto político-cultural co obxectivo estratéxico de recuperar a dignidade do país e levar ás novas xeracións a conciencia de Galicia. Xa no ano 1949 no denominado Prospecto de fundación explicábanse a estrutura e os obxectivos de Galaxia, e, sobre todo, o concepto de universalidade dende o seu propio nome. De aí a xustificación do logotipo innovador no seu tempo, escollido para identificar a empresa, a constelación da «galaxia: nome e camiño da nosa terra a través de todos os ceos». Interpretado e debuxado polo inesquecible Xaime Isla.
Podemos resumir en oito puntos a estratexia de Galaxia: 1.- Quebrar o illamento moral. 2.- Renovar o galeguismo. 3.- Contactar coa mocidade universitaria galega. 4.- Formalos para as tarefas de responsabilidade que lles ían ser demandadas como xeración. 5.- Estudo sistemático da realidade económica de Galicia e a súa actividade divulgadora acerca dos seus problemas económico-sociais. 6.- Creación de centros e bibliotecas especializadas para dotar a Galicia da máxima autonomía cultural. 7.- Atender a formación da xente nova conseguindo pensións para estudos temporais no extranxeiro. 8.- Estudo científico do idioma, constitución dun equipo de lingüistas e filólogos. De aí a afirmación que faciamos de que Galaxia naceu como un proxecto político-cultural, que se foi cumprindo no decorrer destes setenta anos con nós.
Tamén, dentro do grupo e na estratexia de Galaxia, xurdiron as fundacións. A primeira no tempo foi a Fundación Penzol ( 1963 ) a «biblioteca nacional», como adoitaba chamarlle o meu amigo Alfonso Zulueta. Nela acubíllanse dende os documentos máis antigos ó arquivo vivo do galeguismo do pasado século. No 1979 nace a Fundación Otero Pedrayo, que ten por obxectivo manter viva a memoria de quen foi o «patriarca das letras galegas», primeiro presidente da editorial, e vinculo coa xeración Nós. Por último a Fundación Isla Couto ( 1987 ), fiel reflexo nos seus fins do que foi aquel enxeñeiro de ideas, Xaime Isla, orientada cara a investigación da economía e da sociedade, así como dos estudos locais e de espiritualidade.
Dentro da vocación de universalidade, Galaxia naceu coa disposición de permanencia no tempo, e así se demostra neste ano no que cumprimos 70 anos. Durante este tempo consolidámonos como un dos grandes grupos culturais de Galicia, xa citamos ás fundacións que se foron creando a través do tempo, mais tamén medramos no eido empresarial xerando empresas como Merlín Comunicación, dedicada ó sector dos multimedia; Mar Maior, unha nova liña de edición para proxectar a cultura galega no mundo, «a editora dos galegos no mundo»; e Galaxia dixital, plataforma deseñada para a creación, difusión, promoción e comercialización de novos soportes e novas tecnoloxías para o libro.
No que atinxe ó xiro mercantil debemos destacar algúns datos de referencia do que vai de século (2000 a 2020): 1.589 novidades e reedicións e 888 reimpresións; 219 traducións doutras linguas; 1.144 autores en catálogo, e 454 accionistas.
Galaxia, memoria de nós, é sobre todo un proxecto en marcha, que medra e que continúa. Este é un dos seus principais valores. A idea que nos empuxa segue viva e quere seguir sendo fiel aos mesmos principios que un día a puxeron en marcha, adaptados loxicamente aos novos tempos, ás novas demandas, ás novas tecnoloxías, ás novas necesidades e ás novas xeracións.
Galaxia afirmase nesa continuidade. A cultura deste século constitúe o noso primeiro compromiso, dende a nosa lingua, dende a nosa identidade, solidarios coas culturas todas, abertos a todos os camiños, sempre foi e sigue a ser a casa común do galeguismo, dentro da pluralidade. Tampouco se pretendeu nunca ter a voz exclusiva. Galicia somos todos.