De maledicencias e calumnias
Opinión
01 Aug 2020. Actualizado a las 05:00 h.
O president Torra anunciou a apertura dun expediente sancionador ao bispo de Barcelona, Juan José Omella, por celebrar misa na Sagrada Familia en memoria das vítimas do coronavirus, con 500 asistentes, malia estar prohibidas polo Govern as reunións de máis de dez persoas en espazos públicos e privados. Ata aí nada que obxectar, pero Torra lanzouse, soltou o tarabelo e reprochou ao bispo non visitar aos presos soberanistas e non condenar a represión de Catalunya. Tamén Puigdemont o acusara, días antes, en TV3, de non comportarse como un home de Igrexa, senón como un home de Estado no outono soberanista de 2017.
Está claro que para Torra e Puigdemont o bispo Omella é un charnego españoleiro; pero todos somos segundo a cor do cristal con que nos miran e, en marzo de 2020, cando o bispo Omella foi elixido presidente da Conferencia Episcopal Española, o xornal Libertad Digital publicou un artigo titulado «Juan José Omella, el pastor de los independentistas, nuevo presidente de la Conferencia Episcopal». Nin un so argumento xustificaba tal cualificación, pero a conclusión era rotunda: «Barcelona seguirá siendo una diócesis de estelada y de espaldas a los fieles no separatistas».
Supoño que a torpe maledicencia do artigo non quitaría o sono ao bispo de Barcelona; antes de Calahorra, onde outro bispo, Fidel García Martínez, sufriu nos anos 40 e 50 a máis horrenda calumnia, tecida nos albañares do franquismo.
Monseñor Fidel estivo cos sublevados na Guerra Civil, pero en 1937 o papa Pío XI condenou o nazismo na encíclica Mit brennender sorge e don Fidel reproduciuna no boletín da diócese. E en 1939, cando o Goberno de Franco prohibiu a difusión da pastoral do cardeal primado, monseñor Isidro Gomá, Lecciones de la guerra y tareas de la paz, publicou unha síntese; e enteira a encíclica Summi Pontificatus, de Pío XII, censurada polo Réxime, por mor dos comentarios sobre a católica Polonia ocupada polos nazis. E despois, en 1942, mentres se sucedían os éxitos militares do exército alemán e a División Azul combatía o comunismo en Rusia, o bispo publicou a pastoral Sobre algunos errores modernos, na que denunciaba o totalitarismo nazi e se desmarcaba do franquismo.
Era demasiada provocación e os matóns do Réxime acordaron acabar con el polo descrédito. A montaxe da calumnia foi digna da mellor novela negra e concluiu o 28 de agosto de 1952 cando a policía relatou nun «informe reservadísimo» que na inspección realizada dez días antes nun prostíbulo clandestino de Barcelona fora sorprendido na cama, cunha prostituta, quen resultou ser Fidel García Martínez, de 73 anos, bispo de Calahorra; cliente habitual coñecido como don Manolo, aínda que todas as mulleres -algunhas menores- sabían da súa xerarquía eclesiástica. As andanzas do prelado no mundo da prostitución remontábanse aos anos 45-46, con escándalos en varios hoteis da cidade.
O bispo de Barcelona, monseñor Modrego, emprazouno para que se defendese, pero non o fixo e dimitiu. Dez anos despois, o Servizo de Información Militar notificou a Franco que o caso do bispo Fidel era falso e o Caudillo acordou ofrecerlle unha rehabilitación discreta para evitar o escándalo. Don Fidel, con 85 anos, rexeitouna. Morreu en 1973 e a rehabilitación segue pendente.