Cousas de familia
Opinión
06 Aug 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Mes de xullo ou agosto, hai uns corenta anos. Por entón, a vida era moito máis doada, sen pandemias nin outras lerias, coa única ameaza de que podía chegar a choiva e non marchar en todo o verán. Pola horta da casa da miña avoa, nas Rías Baixas, pasaba de cando en vez xente a conversar: mariñeiros e mariscadoras, o crego, Ramonita -unha muller amábel e peituda, que facía todos os honores á canción e que sempre traía algún presente (unha pescada, un polbo ou unha torta de galleta)- ou o señor Andrés, sempre disposto a contar algún suceso que nos facía chorar da risa. Mais aquel día pasou aquela muller oscilante de cuxo nome non me lembro agora.
Á sombra da vella figueira, a miña avoa preguntoulle polo seu home enfermo. Tamén polo fillo que tiña traballando no Gran Sol.
-Ben, grazas a Deus, eles están ben -respondeu a muller- A que non estou nada ben son eu, ando medio fastidiada.
-E logo, muller… que tes?
A muller inclinouse para apalpar a súa coxa.
-Trátase das pernas.
A miña avoa ollou para as pernas. Eran brancas e grosas, sucadas dunhas varices avultadas ás que en Galicia, polo seu aspecto retorcido e trepador, chaman popularmente hedras.
-Tes moitas varices -comentoulle-. Tes que coidarte.
A muller mexía a testa coma boi obstinado.
-Non hai nada que facer, non hai nada que facer... -sentenciou-. Vénme de familia. Xa a miña nai era moi avariciosa.