Pensa o ladrón...
Opinión
06 Nov 2020. Actualizado a las 05:00 h.
As categóricas afirmacións de Donald Trump, xa antes das eleccións, sobre que sufriría unha fraude electoral e un «roubo» da súa vitoria seguramente non foron máis que unha estratexia para poder recorrelas en caso de resultar derrotado. Pero a min trouxéronme á memoria a escandalosa manipulación que sufriron as eleccións de 2016, e o vello refrán: «Pensa o ladrón que todos son da súa condición». É posible que Trump pense sinceramente que o que el fixo pódenllo facer a el.
En todo caso, estas eleccións do 2020 o único que deixaron claro é que Estados Unidos está tan dividido ou máis que en vésperas da Guerra de Secesión de 1861-1865. Dun lado están os xenófobos, racistas, negacionistas e machistas, malos herdeiros dos cabaleiros esclavistas do sur, a quen Trump conseguiu unir e enardecer co lema America first; e doutro os que votaron -porque non quedaba outro remedio- a un ancián prudente, sen ningún carisma, que leva como vicepresidenta a unha muller negra.
Cando escribo isto, aínda non se sabe quen será o gañador, porque outra cousa que quedou clara e que resulta incomprensible nun país tan avanzado tecnoloxicamente é que se sigan contando as papeletas como nos tempos de Lincoln. Oxalá gañe Biden, pero, aínda así, esa América dividida ofrece un panorama pouco optimista para as relacións co resto do mundo. E se gaña Trump… non quero nin pensar a repercusión que vai ter en Europa.