Deica nunca, míster Trump
Opinión
14 Nov 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Dicía Octavio Paz que «la sociedad empieza a corromperse cuando se corrompe la sintaxis». É a percepción intelixente dun home de letras, pero parece máis certo que a sociedade empeza a corromperse cando se corrompe a súa arte. En 1955, o filósofo inglés Herberd Read publicou o ensaio Imaxe e idea, no que estuda a función da arte no desenvolvemento da conciencia humana e chega á conclusión de que na interpretación de cada momento histórico o artista plástico adiántase a todos os demais creadores e tamén ao filósofo, ao sociólogo e ao antropólogo da cultura: primeiro é a intuición, despois a reflexión; primeiro a imaxe, despois a idea.
Se Herberd Read ten razón, a chamada arte conceptual, que se impón no mercado internacional des que Duchamp convertera un urinario en obra artística, en 1917; e cen anos despois acolleu un plátano pegado á parede, vendido por 120.000 dólares; anunciou o progresivo empobrecemento intelectual dunha sociedade que hoxe despreza o coñecemento, acepta como valor cultural calquera despropósito e fai da confrontación ideolóxica un conflito bélico.
É a culminación da rebelión das masas, anunciada por Ortega, que impoñen o seu criterio nos lugares preferentes da sociedade. O home e a muller masa poden non valorarse, pero saberse «coma todos», ser parte dun coro sen solistas, abóndalles para sentirse ben e non propoñerse mellorar. O desdén polo saber en boa parte da sociedade dos EE.UU. fixérase evidente nos debates televisivos entre George Bush e Al Gore, candidatos á Casa Branca no 2000. Gore, coa experiencia de ser vicepresidente con Clinton, sabía de todo e varreu a Bush; pero as masas viron nel un solista pedante e votaron a quen semellaba un deles. Nos debates de Trump e Hillary Clinton, en 2016, viuse que o desdén polo saber medrara ata abranguer o desdén polo saber estar. Trump foi tan groseiro de palabra e actitude, que Hillary contou no libro What Happened (O que ocorreu) o incómoda que chegou a sentirse: «Seguíame onde fose, ollándome, poñéndome caras. Sentía a súa respiración na caluga e estremecinme».
En pleno debate, o Washington Post deu a coñecer un vídeo, no que Trump dicía a un presentador de TV: «Podes facer ás mulleres o que queiras cando es unha estrela» e falaba das súas experiencias. Destacados membros do Partido Republicano pedíronlle que retirase a candidatura; pero nin iso, nin recoñecer que eludía o pago de impostos federais mermou o apoio da masa electoral e foi presidente.
Trump non enganou a ninguén, nin tentou facelo. É fachendosamente ignorante, agresivo e inmoral, e así se mostrou sempre. Chamou publicamente maricón e fea a rivais do propio partido; mofouse, imitando a voz e os movementos, dun xornalista cunha enfermidade que afecta ás función motoras; e recoñeceu que nada lle importan os nenos da guerra porque é a encarnación do Mal. O seu electorado riulle as grazas. Eufórico despois dun éxito nas primarias do Partido Republicano, declarou: «Podería disparar a una persoa na rúa e seguiría sendo o máis votado».
Trump era un problema, pero o problema é ese 50 % do electorado que o apoiou e segue cabreado.