Algunhas vantaxes da pandemia
Opinión
11 Dec 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Decembro é o mes das listaxes. Mellores libros do ano, mellores filmes, mellores imaxes. Recoñézoo, a min tamén me gusta facer listaxes, mais fágoas en calquera momento: listaxes de amigos e inimigos (negras), listaxe da compra, listaxe de frases e expresións tópicas que non aturo, listaxe de mulleres célebres galegas (cada día apunto unha nova), listaxe de recados (non urxentes, urxentes e urxentísimos), listaxe de pensamentos ou ideas que se me ocorren para un conto, de libros lidos e por ler, ou de obxectivos a alcanzar. As listaxes axúdanme a atravesar a densa néboa da incerteza e fan que o meu pequeno mundo sexa máis manexábel. É coma se a miña mente, ás veces caótica, precisase desas absurdas clasificacións: a través das listaxes, xa son a que quero ser.
Sen darme conta, levo meses facendo mentalmente unha nova listaxe, que é a das vantaxes da pandemia. Tal vez sexa de parvos, pero consólame encontrar algún mérito a esta delirante realidade en que, sen querer, nos vimos arrastrados nos comezos de 2020. Velaí algunhas: fíxonos gastar menos e decatarnos de que non necesitamos a maior parte das cousas que mercamos; agora valoramos máis a compaña, en especial da familia, a saúde e o lar; introduciuse, por fin!, o teletraballo na sociedade española; fixemos un curso intensivo de novas tecnoloxías (quen non fai agora dous ou tres zooms por semana?); abriunos os ollos á desigualdade: vimos como algúns pasaban a pandemia sen inmutarse e como outros, pola contra, estano a pasar realmente mal; ao estar máis tempo na casa e viaxar menos, reducíronse os gases de efecto invernadoiro e mellorou (algo) a contaminación; durante o confinamento algúns comezaron a ler e outros a cociñar; renaceu o pequeno comercio; viuse a necesidade de investir máis en ciencia e investigación; agora, por que non confesalo, non temos que beixar nin dar a man a quen non nos presta; limítanse as aglomeracións; redúcense, ou con sorte eliminan, as ceas de empresa de Nadal... Ah, e tamén está a vantaxe de que esta Noite Boa xa non teremos que aturar os chascarillos do noso cuñado. É o que se me ocorre de momento, pero a listaxe segue a facerse.