Os efectos adversos
Opinión
13 Dec 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Imaxinen por un momento que a encantadora nonaxenaria inglesa que recibiu a primeira vacina ante os ollos de millóns de televidentes levase a man ao corazón tras recibir a picada e a súa cabeza caese sobre o peito… Que hecatombe! Á parte do crac na Bolsa, miles de negacionistas enfervorizados asaltando rúas e lugares públicos sen máscaras e sen control. A terceira onda do covid-19 estenderíase como un sunami imparable…
Non foi tan grave o sucedido, pero andou preto: os dous sanitarios ingleses que sufriron reaccións anafilactoides (que poden ser mortais) ao recibir a vacina foron un xarro de auga fría e unha advertencia para moitas persoas: non deben poñerse a vacina de Pfizer os que sofren alerxias serias.
Eu son partidaria acérrima das vacinas aínda que isto das alerxias dáme que pensar. Na miña familia máis próxima hai dúas alerxias serias; unha, a todos os mariscos (que xa é mala sorte) e outra a pel dos animais; e dúas leves: ao bacallau e ao salitre do mar. Entre os meus amigos son innumerables os alérxicos de diversa gravidade: ao veleno das avespas, ás gramíneas, ao pole, ao leite, aos froitos secos, ao po, á la…Consola pensar que nos centros de vacinación é preceptivo ter inxeccións de epinefrina para previr reaccións.
A pesar dos efectos adversos, a conclusión é que hai que vacinarse. As vacinas salvaron millóns de vidas ao longo da historia recente. Con elas gañaremos a guerra contra o covid-19. Se na batalla caemos algúns, ese é o prezo que hai que pagar. E vale a pena, contra!