Bens públicos globais e medicinas contra o covid-19
Opinión
16 Dec 2020. Actualizado a las 05:00 h.
Apunten o concepto de ben público global (BPG): aquel ben que brinda beneficios de modo universal, que contribúe á mellora da calidade de vida e cuxo uso por uns non restrinxe o seu uso polos demais. No seu inicio, o concepto aplicouse de forma restritiva a asuntos como o libre comercio, pero en 1995 pioneiros como o Nobel Joseph Stiglitz ampliárono a cuestións como a democracia, a paz, a liberdade de prensa, Internet, o medio ambiente ou os dereitos humanos.
Esta denominación circula hoxe con éxito polos máis diversos foros, en relación cos tratamentos e vacinas da covid-19, enfermidade que está batendo rexistros de contaxios e mortes. Así, en setembro pasado, 176 persoeiros de 33 países, reunidos na Ágora dos Habitantes da Terra pediron ao secretario xeral da ONU a creación dun Consello de Seguridade Mundial de Bens Comúns e Públicos Globais. Ou o propio G-20 en novembro pasado, que declarou á vacina do covid-19 como ben público global. O G-20! Cosas veredes...
E seguirán máis. Non é aceptable a indefensión e o desdén que sofren os países pobres; véxase o exemplo das vacinas, acaparadas polos países ricos, como Canadá, que comprometeu a compra de 190 millóns de doses para 37 millóns de habitantes, case seis doses por persoa! Mentres tanto nos países en desenvolvemento o obxectivo é apenas inmunizar a unha persoa de cada dez.
Compren propostas novas, pois outras van ser insuficientes, como a iniciativa COVAX, na que participan a OMS, CEPI, GAVI, Cruz Vermella, MSF, Unicef, Fundación Gates e Welcome..., que pretende distribuír 2.000 millóns de vacinas a finais de 2021. Son poucas!
E outras fracasaron, como o Fondo de Acceso á Tecnoloxía (C-TAP), promovido pola OMS para compartir de forma voluntaria patentes e tecnoloxía fronte ó covid-19. Un fondo (epígono do pool de patentes habilitado hai anos para combater a hepatite C e que tivo certo éxito) proposto en maio polos presidentes de Costa Rica e Chile (Carlos Alvarado e Sebastián Piñera) ao director xeral da OMS, para ofrecelo a toda a humanidade como «bens públicos globais». Vana ilusión: a big pharma, isto é, tanto a patronal mundial IFPMA como a europea EFPIA ou a española Farmaindustria, rexeitárona.