De viños con Bárcenas
Opinión
30 Mar 2021. Actualizado a las 13:00 h.
«Éun tipo estupendo», dixo á prensa aquel delincuente habitual segundo saía comodamente pola porta do cárcere. «Este cinto agasalloumo el», declaraba mirando a cámara, ameazante. Calquera podería pensar que «el» era, non sei, un cura marxista. Pero non: «el» era José Luís Barcénas, Ese señor. O certo é que, cando o delincuente habitual improvisou aquela rolda de prensa, era obvio que tiña razón: Bárcenas era o mellor.
Eu iría feliz de viños con el. Primeiro, porque me convidaría a todo sabendo que calquera vicio meu sería máis limpo que a procedencia dos seus cartos. Segundo, porque unha é escritora e Bárcenas é o personaxe máis fascinante da política española do século XXI. Nin Ayuso coa súa supina tontez, nin Abascal tirado dun filme de Visconti. Que va. Bárcenas é un tipo divertido que funciona no cárcere agasallando cintos caros, igual que funciona na sede do PP mangando follas de Excel. Enriba, agora canta. De estaren os bares abertos, iría correndo con Bárcenas zampar ostras e viño na Laxe de Vigo, para escribir esa novela negra que leva gravada na mirada. Treme, Domingo Villar!
Que ben canta agora Bárcenas, co seu ar de inspector de policía vido a menos ou mafioso vido a máis, nunca se sabe onde está a diferenza. Estivo sete anos afinando, mentres tiraba con disimulo da manta onde rezaban o cuatro esquinitas tiene mi cama os distintos dirixentes do PP daquel tempo glorioso en que España vivía por riba das súas posibilidades. Bárcenas coma Rigoletto. Pero a cambio de que? Seguro que mo explica cun albariño. Reconcíliense coa condición humana. Menos mal que nos queda Bárcenas para lembrarnos como era todo antes da pandemia.