Vacina, cumpramos cos nosos maiores
Opinión
26 Feb 2021. Actualizado a las 05:00 h.
A pandemia alterou as nosas vidas dun xeito tan radical que xa non é posible volver ao mundo que coñecíamos, tras un longo ano no que acumulamos perdas, no persoal, no social, no económico e, sobre todas elas, a perda dos seres queridos, a parte máis dolorosa dunha pandemia que afectou de cheo aos nosos maiores.
Por iso, agora que empezamos a ver a saída, son a prioridade no proceso de vacinación, e máis nunha Galiza envellecida que debe recibir cada dose que lle corresponda. Esa é a demanda do BNG ao Goberno do Estado, tendo en conta que estamos na fase de vacinación das persoas de máis de 80 anos, o 8,2 % da poboación.
Por tanto, esa é a porcentaxe de vacinas que ten que entregarse en cada remesa, de tal xeito que se o reparto é de 400.000 doses aquí deben chegar 32.800 vacinas, as correspondentes a esa porcentaxe, nin unha menos. Calquera cifra inferior implicaría unha discriminación intolerable cun colectivo que o merece todo, tras a súa durísima travesía nesta crise.
E por iso resulta obsceno que haxa persoas que, abusando dos seus cargos ou da súa posición, se colen para recibir a vacina e que, lonxe de ser reprobadas, sexan amparadas polo Goberno de Feijoo, como no caso da conselleira delegada de DomusVi.
A outra cuestión que lle preocupa, e moito, ao BNG é a falta de concreción do plan de vacinación da Xunta, en particular no referido ao persoal de reforzo. Nada se sabe deses efectivos, e todo apunta a máis carga de traballo para un persoal sanitario exhausto. Nada se sabe tampouco da loxística, clave nesta fase. Por exemplo, como se garante o desprazamento das persoas maiores, sobre todo no rural, onde apenas hai transporte público e onde o centro de saúde comarcal pode estar a moitos quilómetros do domicilio. Deben costear o desprazamento uns maiores cuxas pensións figuran entre as máis baixas do Estado? Son interrogantes que o Goberno do PP non contesta.
O único amplamente difundido polo propio Feijoo é a suposta capacidade da Xunta para vacinar en menos de dous meses a 2,7 millóns de galegos e galegas, pese a que tardou máis dun mes en completar a vacinación de 40.000 persoas usuarias e traballadoras das residencias. Nada lle custa dicir a Feijoo que ten capacidade para administrar 100.000 doses diarias cando apenas recibe unhas poucas miles á semana.
Ese é o problema, o insuficiente subministro por parte das multinacionais farmacéuticas, que non se resolverá até dentro de dous ou tres meses, cando se espera un abano de vacinas no mercado.
Situación que leva a unha última reflexión: é razoable que un puñado de multinacionais que se venden ao mellor postor, capaces de dobregar á Unión Europea, teñan a chave dunha vacina que pode salvar millóns de vidas? E que por riba se lucren cunha patente sufragada nunha parte importante con investimento público? Para o BNG a resposta é non.
Unha das ensinanzas desta crise é que a nosa supervivencia depende da fortaleza do público, desde a sanidade pasando pola ciencia. Unha lección que debemos aprender canto antes, porque a covid non será a última pandemia que poña as nosas vidas patas arriba.