La Voz de Galicia

Un artigo optimista

Opinión

francisco castro Editor e escritor

17 May 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Nun interesante artigo do pasado mes de maio publicado neste xornal, o historiador Lourenzo Fernández Prieto, a quen a RAG vén de escoller como académico, dicía que máis que reivindicar as Letras Galegas, polo que hai que termar é pola Fala. Porque se algo precisa ser coidado é unha fala, a nosa, camiño de se converter nunha curiosidade de museo se son certos, que o son, os informes da propia Real Academia Galega de hai unhas semanas sobre a (mala) saúde do galego.

Abondando na tese de Fernández Prieto quero, este 17 de maio, afondar non no asunto da mala saúde do galego senón, precisamente, na boa da nosa literatura. Porque a literatura galega está a vivir un momento de absoluta bonanza. Non é varrer para a casa. É totalmente certo.

Hai moitas probas que poden sustentar isto. Pero por só dar un dato: se hai unha década os autores de Nós que eran traducidos a outras linguas podían contarse (e sobraban) cos dedos dunha man, hoxe non chegan os dedos das dúas mans e as dedas dos dous pés para facer relación das escritoras e escritores que, así como sacan libro, ven vendidos os seus dereitos para outras linguas, e non só ao castelán.

Este dato é moi importante, pois as editoriais estranxeiras que publican as traducións dos libros galegos non o fan por militancia galeguista, por defensa do país ou por un ataque de amor patriótico ou porque sexamos máis guapos ca outros. Traducen e publican, métennos nos seus catálogos, fan un investimento económico, lévannos de promoción a outras xeografías, convídannos a falar noutras afastadas latitudes, porque lles gusta o que escribimos, porque as nosas historias lles parecen potentes. Porque saben que somos bos. Así pois, temos motivos para estarmos felices, pois a literatura galega está a vivir un momento doce que só pode ir a mellor porque hai un mollo de autoras e autores que escriben con vocación de profesionais (outra cousa é que sexa tan difícil vivir só dos dereitos de autoría) que escriben con vocación de ser lidos en todo o mundo e non só aquí.

A mentalidade das autoras e autores que hoxe anegan as mesas de novidades das librarías é ben distinta á da que nos precederon. Máis consciente do mercado. Máis, como digo, profesional no significado máis literal do termo. Non hai tema que non toquemos. Non hai trama ou enfoque que non se vexa no resto da literatura de primeiro nivel da cultura occidental.

Nese sentido, a evolución da literatura galega dos últimos anos supón un salto exponencial, en calidade e actitude, que nos normaliza fronte ao resto dos sistemas literarios da nosa contorna. Ten moito que ver con cuestións xeracionais. Ten moito que ver cunha visión do traballo de escritor máis universal que noutras épocas da nosa historia literaria, onde había outras urxencias, digamos, ideolóxicas. Esa fase está superada. E iso é algo bo.

Este é, pois, un artigo optimista. A literatura galega é grande e só pode ser máis grande no tempo que virá. Malia todos os atrancos, brillamos.


Comentar