Contádenos o que pasa aí fóra
Opinión
30 May 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Nas miñas clases de xornalismo fago sempre dúas recomendacións básicas, consciente da responsabilidade que asumimos os mediadores da información. A primeira ten que ver coa necesidade de formármonos culturalmente para interpretar a realidade e poder presentala en condicións. Cada acontecemento precisa do seu contexto, trae unha memoria detrás, raíces e derivadas que os profesionais da comunicación debemos saber ordenar, ás veces mesmo xerarquizar, para que o público as entenda e poida (o público) tirar as súas conclusións. Os datos son unha cousa e as opinións outra, e deben estar diferenciadas.
A segunda recomendación é a necesidade de ir ao fondo da noticia, ou mellor: tocar carne, verlle os ollos á realidade, mirar os acontecementos á cara, non traballar de orella, como dicimos nas rías, nin a través de terceiros. A aparición de Internet e a dinámica das redes, con todos os aspectos positivos que isto ten (que ten moitos), crea unha sensación de falsa realidade, rebumbio de referencias que nos embouban e que non son datos, senón ruído, moito ruído, que non deixa oír nin ver o que sucede. A realidade é outra cousa.
Estes días pedín aos meus alumnos elaborar unha práctica de información (reportaxe) sobre unha familia sen traballo. Mais que non se limitasen aos datos fríos das estatísticas e os informes que podemos consultar na rede, algúns deles moi valiosos, senón que fosen coñecelos en directo e, se fose posible, que vivisen no interior das casas a situación. O 37,7 % dos menores de 25 anos non teñen traballo nin horizonte laboral en España (fronte ao 17 % da media europea). Non teño datos de Galicia, mais tanto ten. Contádenos o que pasa aí fóra! O problema non se mide en porcentaxes, por máis ca resulten útiles, senón entrando no corazón dos fogares, mirándolles aos pais aos ollos, aos avós, aos mozos e mozas que afrontan esta realidade, medindo a súa impotencia, a súa frustración, a depresión profunda na que ás veces se instalan e os inmobiliza. Pídolles, ao cabo, que no relato empecen pola vida, non polas estatísticas.
Marcial, en Ferrol, é fillo de operarios da Bazán e de Astano. Arredor desta actividade medrou a súa familia, os seus pais e os seus avós. Ser enxeñeiro dalgunha destas empresas era o máximo, e para iso estudou. Nin se estreou. Ten 38 anos. Agora nin traballo de camareiro hai nas tempadas de verán, tal como veñen a cousas. Andrea é a primeira muller que chegou á universidade. Estudou enxeñería. Participou en varios proxectos de investigación que, cando chegou a crise, cerraron. A súa ilusión era o sector alimentario. Os contratos na empresa privada son tan precarios que nin lle dan para acceder ao subsidio de paro. Dous casos. E logo está a cultura social do traballo. Canto tempo tardaremos en esquecer os oficios que lles deron a vida aos nosos pais? Isto dá para outra marea.