La Voz de Galicia

Herdanzas en vida: o Goberno debe dar marcha atrás

Opinión

Valeriano Martínez Conselleiro de Facenda

18 Jun 2021. Actualizado a las 11:04 h.

Galicia ten Dereito Civil propio. Entre as súas institucións están os pactos sucesorios cos que se poden entregar bens en vida con cargo á herdanza futura coa vantaxe fiscal de tributar igual que se se recibisen no momento do falecemento. 

A rebaixa do Imposto de Sucesións aprobada polo actual Goberno galego no 2016 disparou o interese por acceder a estes pactos. Desde entón 160.000 familias beneficiáronse desta figura sen ter que pagar nin un euro por recibir bens dun familiar directo.

A súa grande aceptación social explícase porque permite dinamizar o patrimonio familiar e beneficiar especialmente aos mozos á hora de emprender un negocio, acceder a unha vivenda ou iniciar un proxecto de vida.

Lamentablemente, o Goberno do PSOE e os seus socios decidiron que unha das primeiras subas fiscais que queren aprobar sexa precisamente para eliminar este dereito a través dunha reforma do IRPF. Para iso, presumen unha intención fraudulenta no pacto sucesorio sen que a administración teña que probala nin admita proba en contrario.

Existe consenso nos operadores xurídicos galegos en que esta reforma vulnera os principios de igualdade, capacidade económica e neutralidade tributaria e, ao tempo, ataca a nosa autonomía financeira e deturpa esta figura do noso Dereito Civil.

Avanzada a súa tramitación, na que o Goberno desoíu o pronunciamento en contra do Parlamento galego, desde Galicia xa anunciamos a nosa intención de defender os dereitos e intereses dos galegos, tal e como fixemos co IVE retido polo Goberno socialista e sobre o que o Tribunal Supremo nos acaba de dar a razón.

É posible que este precedente pesase na recente decisión do PSOE de autoemendarse e rectificar en parte a penalización fiscal ao restrinxila aos cinco anos posteriores ao pacto sucesorio, cunha retroactividade cuestionable, o que pon de manifesto, como non podía ser doutro xeito, que Galicia tiña razón.

Pero precisamente por iso non é suficiente, pois segue a implantar unha penalización inxustificada que ata agora non existía, que frustra, en boa medida, a súa utilidade social.

O PSOE aínda está a tempo de non repetir erros e parar esta inxusta penalización que promove, xa sexa total ou co límite de cinco anos. Se co IVE estivo de costas aos galegos, agora ten a oportunidade de poñerse ao seu carón. A rectificación debe ser total.

O Goberno galego seguirá traballando para que ninguén xogue co noso dereito nin cos nosos dereitos e que milleiros de galegos poidan seguir facendo uso deles ao longo da súa vida.


Comentar