Peor, moito peor
Opinión
21 Jun 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Leo o venres nas páxinas deste xornal a resolución dun caso ocorrido durante o confinamento. na vila de Carril: Un grupo de mulleres que acoden a misa son increpadas desde unha xanela por un veciño que as acusa de poñer en perigo por contaxio a seguridade das súas familias e do resto da poboación. As mulleres replican, o veciño perde o control e prodúcense insultos. A escena transcorre no atrio da igrexa e é gravado cun móbil nun vídeo que, segundo din, fíxose viral
Cinco mulleres denuncian ao veciño e hai un xuízo. Días antes produciuse unha chamada á policía para denunciar que na misa do domingo había demasiada xente. A policía compareceu na igrexa e comprobou que non había exceso de público e que se respectaba a distancia de seguridade.
O veciño foi acusado dun delito leve de coaccións, pero ao iniciarse o xuízo manifestou que se arrepentía do feito e prometía non reincidir.
As mulleres retiraron as denuncias, a Fiscalía desistiu da acusación e o home foi absolto.
Diríase que a cousa acaba ben, verdade? Pois lean os comentarios actuais á crónica deste suceso, enviados ao xornal desde toda Galicia e tamén desde fóra: Ataques á igrexa, ás «beatas», ao veciño da xanela, a quen lle perdoou, á policía, aos políticos, aos xornalistas a «este país», e ataques duns comentaristas a outros. Dá medo tanto odio, tanta intolerancia, tanto resentimento. E dicían que desta pandemia sairiamos sendo mellores…