La Voz de Galicia

Triste imaxe da mocidade

Opinión

marina mayoral

28 Jun 2021. Actualizado a las 05:00 h.

En días pasado, cando aínda a máscara era obrigatoria, víronse por televisión imaxes lamentables de reunións de xente nova. Non se trata só de que non respecten as regras, é sobre todo a súa forma descontrolada de comportarse, os berros, as risotadas, as expresións inconexas, que non se sabe se son para xustificar os seus actos ou animar a outros a participar: «Festa, festa! Hai vida!»… Pensei: deben de estar borrachos ou drogados para falar e actuar así. Non poden ser tan idiotas… E esa palabra tróuxome á memoria algo ocorrido hai moitos anos. 

Comentáranme que os alumnos fumaban porros no instituto público onde os meus fillos estudaban. Falei co maior, que dixo que el non fumaba, nin porros nin nada, pero que cría que os pequenos si o facían. Falei entón co de doce anos. Dixo que os seus amigos fumaban, pero que el non. Nin sequera unha vez, para probar, pola experiencia? Díxenlle, en plan progre. E el, pobre rapaz, respondeu: «Mira, antes no recreo saiamos a xogar ou a falar das nosas cousas, e agora xa non se pode falar nin facer nada; rin como bobos, e pónselles cara de…», calou. Eu insistín, cara de que? El, cun xesto de tristeza, dixo: «Cara de anormais, de idiotas. Eu non fumo porque non quero que se me poña esa cara».

Pois si, esa era a cara dos mozos que estaba a ver pola tele. A expresión descerebrados está a xeneralizarse para referirse a eles. Con seguridade, son unha minoría. Cónstame que hai unha mocidade responsable, xenerosa e idealista, disposta a sacrificarse por unha boa causa. Dóeme na alma estoutra imaxe que se vai facendo habitual.


Comentar