Gobernando para a reactivación
Opinión
13 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Cando hai dous anos a maioría da cidadanía facía gañador das eleccións xerais ao Partido Socialista e convertíao na primeira forza do país, tanto en abril coma en novembro, ninguén de nós prevía as circunstancias sanitarias e económicas desta lexislatura.
Nos libros de historia quedará marcado o 2020 como o ano da chegada da pandemia e o 2021 é xa o ano da vacinación. Pero ademais, nesta crise aprendemos como hai distintas formas de afrontalas dende o ámbito público. Mentres na Gran Recesión de hai algo máis dunha década a dereita abrazou o paradigma neoliberal e as políticas de austeridade que debilitaron a recuperación e provocaron maiores niveis de desigualdade, no seo desta pandemia o Goberno progresista de España apostou polas políticas keynesianas, expansivas e anticíclicas tanto na Unión Europea como no noso país.
As preocupacións da cidadanía son a recuperación e a vacinación, e o Goberno ten que destinar toda a súa capacidade a estes obxectivos. Acertou coa estratexia que levará a máis do 70 % da cidadanía a estar inmunizada neste verán. Mentres o presidente da Xunta de Galicia dicía que non habería vacinas ata o segundo trimestre deste ano, e os nacionalistas galegos receitaban a liña das vacinas cubanas, rusas ou chinas, o Goberno traballou a carón da estratexia europea, da ciencia e da sanidade pública.
Cando o presidente do Goberno explica unha remodelación do seu executivo na que Nadia Calviño ascende á vicepresidencia primeira, e faino marcando como prioridade a reactivación, o fai dende a perspectiva dun Goberno que posibilitou a suba do salario mínimo interprofesional, o ingreso mínimo vital, os ERTE, a revalorización das pensións e tantos outros avances sociais. A xeración de emprego, a transición ecolóxica e dixital, a cohesión social e territorial e o compromiso coas mulleres e a mocidade constitúen o cerne das prioridades da reactivación.
Nunha Galicia que necesita emprego e que sofre salarios e pensións máis baixas que a media de España, as políticas progresistas e o escudo protector despregado polo Executivo foron e son fundamentais. E ademais cómpre continuar cos compromisos do Ministerio de Transporte como a conclusión das obras do AVE neste ano, as conexións ferroviarias, os avances nas intermodais e a rebaixa histórica das peaxes da AP-9.
Para iso, os e as socialistas galegos seguiremos traballando dende Galicia, para Galicia e por Galicia, pensando nos galegos e nas galegas.