La Voz de Galicia

Arxentina

Opinión

Xosé Carlos Caneiro

15 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Cando o mundo e o fútbol desaparezan, nalgún lugar do cosmos quedará un arxentino bohemio dándolle patadas a un balón contra as nubes. Quedará a emoción, o alento, un ritmo de tango acariñando a nosa pel descalza. Cando o mundo e o fútbol desaparezan, nalgún lugar ignoto alguén rezará unha oración para resucitarnos. Vinte e oito anos despois, ganou Arxentina. O partido da final da Copa América foi tan espantosamente malo que só podemos volver a velo os fanáticos, os enfermos de fútbol. Pero as finais non se xogan. Gánanse ou pérdense. Messi vagaba perdido pola cancha e un erro brasileiro propiciou que o santo Di María estendese as plumas, pelícano danzador, para que a paixón tivese forma e razón. Non coñezo a ninguén máis apaixonado que un arxentino. Imposible que un tipo coma min non se namore deles. Os arxentinos danche a vida cando a vida falta. Pasei horas escoitándoos cantar, recitar, repetir. Un arxentino ámase a si mesmo pero ama a toda a humanidade. Ama o carpe diem, o instante preciso onde todo comeza porque todo acaba. Confeso a miña admiración por Arxentina. De crise en crise, como quen entra e sae dunha sala de urxencias. E non pasa nada. En España, porén, entramos nunha crise e tardamos unha xeración en saír. En Arxentina sería impensable un Sánchez, tan frío. Pero non unha Kirchner ou un Perón. Alí o bife, e o malbec, alimentan a inspiración. Lume humano. O sábado eu saltei de gozo cando a madrugada de calor, vinte e catro graos, desfacía en Verín o paso dos gatos. Arxentina é Galicia, pero con outro acento. Sabe a mar, río da Prata, pero tamén a versos indelebles. Eu, que son de Borges, son de Messi arrebatadamente. Ganaron os bohemios. Son un tipo feliz.


Comentar