O rumbo de Sánchez
Opinión
15 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Á vista das reaccións públicas e privadas, os cambios no goberno sorprenderon. Ninguén esperaba nin tanta mudanza nin a dirección tomada, pero todas as análises dan conta dunha evidencia: Sánchez marcou un rumbo. Algúns cambios eran esperados polo desgaste típico e estaban no ruxe-ruxe, como o de Carmen Calvo, o de Celaá ou do titular de Xustiza despois dos indultos. Outros como o de Exteriores podían preverse por mor da recente correlación de erros. Sabíase tamén da tensión no Goberno entre o partido (Ábalos e Calvo) e os asesores aparentemente profesionais (Iván Redondo), pero quen podía imaxinar que o resultado fose a saída dos tres? Desaparecen da escena gobernamental os principais acompañantes de Pedro Sánchez no camiño ata a presidencia do Goberno. Pese á teima da crónica miúda o asunto non é persoal é político, non é individual é de partido. Demóstrano os substitutos.
Óscar López, o novo xefe de gabinete, é un vello colega de Sánchez na organización do partido dende que Blanco organizaba o PSOE de Zapatero. O outro era aquel Antonio Hernando que traizoou ao seu amigo Sánchez para favorecer que Rajoy fora investido presidente naquela crise de 2016 que xa case esquecemos e que ao resolverse a crise foi substituído como voceiro no Congreso por Ábalos. A fama de Óscar López no partido xa era notable cando foi secretario de organización con Rubalcaba, a súa intelixencia política permitiulle navegar nun mar crespo sen nunca traizoar ao seu colega Sánchez. Pode que estea chamado a solucionar a tensión Goberno-partido que xeraba Redondo; dotes, experiencia e reputación para facelo tenas.
O resto dos cambios apuntan na dirección de como Sánchez quere recoser o partido. As novas ministras de Educación e de Administración Territorial apoiaran no seu día a agora definitivamente derrotada Susana Díaz, pero non son da federación andaluza senón da de Aragón e La Mancha, respectivamente. Lambán e García Page van ter que andar agora con máis tino antes de facer esas declaracións críticas que perturbaban tanto na Moncloa como alegraban en Génova. O damnificado deste movemento gobernamental e partidario de Sánchez vai ser Casado. Digan o que digan os seus turiferarios, perde iniciativa, presenza e sobre todo cobertura política dentro do PSOE.
No Goberno refórzase Cataluña con outra ministra, pese á degradación política de Iceta, pero sobre todo a federación valenciana, pese á saída dun Ábalos que levaba tempo a cola de pelotón e a piques de quedar descolgado en cada porto. Galicia, como organización do PSOE, segue sen pesar neste goberno, por moito que a primeira vicepresidenta teña raíces non ten nin acento. O goberno de coalición gaña peso sen tocar os equilibrios máis que para ascender a Yolanda Díaz. Asunto no que Sánchez tamén marca un rumbo ben definido. Neste caso non sabemos se baseado na experiencia das últimas tres décadas ou dos últimos tres anos, da relación entre o PSOE e a súa esquerda.