La Voz de Galicia

Imposible non saber castelán en Galicia

Opinión

Francisco Castro Escritor e editor

29 Nov 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Calquera persoa normal, que ande pola Galicia normal, sabe que é literalmente imposible que unha nena ou un neno non aprendan castelán correctamente na nosa terra. Incluso poderían ter toda a educación en galego, as actividades extraescolares en galego, só ver a TVG e consumir música en galego que, aínda así, falarían castelán perfectamente. Calquera persoa normal vería iso. Pero quen ande pola vida cunhas gafas cheas de prexuízos ideolóxicos de carácter nacionalista (español) non o verá. O que verán é que o castelán está perseguido en Galicia, que os centros educativos son fabricantes de votantes do BNG, que as políticas públicas arredor da lingua son aleccionadoras, e que os que falamos todo o día en galego somos persoas que queremos romper España, non somos constitucionalistas e, por suposto, temos cornos e rabo de demo.

 

Resulta curioso como se pode contar o mundo do revés, porque todas esas voces (excitadas logo da sentenza que obriga a un 25 % de clases en catalán) son as que levan décadas falando da imposición do galego, dunha especie de obrigatoriedade deseñada politicamente polo Goberno para que ninguén fale castelán. O matiz é importante: quen así anda polo mundo non cre que o obxectivo sexa que a xente fale galego; non, están convencidos de que a axenda oculta do Goberno, incluso a do PP galego, é acabar co español. Logo, os fundamentalistas somos os outros, os que resignadamente vemos como cada ano (segundo di a Real Academia Galega, moi pouco sospeitosa de ser o brazo armado da UPG) ou o Consello da Cultura Galega (outro tanto) nos contan como perdemos falantes de galego, como se rompeu a transmisión xeracional da lingua galega, como a escola é unha fábrica de castelanfalantes. Está documentado cientificamente: nenas e nenos que chegan falando galego aos colexios, nuns anos, só falan castelán. Esa é a realidade. E malia ser esa a realidade, temos que aturar que se nos continúe demonizando por dicir que queremos, en Galicia (non en Sebastopol ou Madrid, en Galicia), poder vivir en galego con normalidade. Porque, na súa estraña maneira de ver o mundo, cando tomo a decisión de educar á miña filla e ao meu fillo en galego (por certo, falan inglés perfectamente, vemos as series de Netflix en versión orixinal) o que estou é formando parte dun plan político revolucionario de esquerdas nacionalista separatista propalestino ecoloxista vegano e radicalanarquista.

Os que queremos galego é porque sabemos algo tan básico como que o galego é a lingua propia de Galicia. E como calquera sociedade, queremos que a nosa lingua sexa a central, a vehicular e a normal. Nada que non queira un islandés, un inuit ou un señor de Madrid.


Comentar