La Voz de Galicia

Boandanza e saudiña

Opinión

Víctor F. Freixanes

02 Jan 2022. Actualizado a las 05:00 h.

O dicionario normativo aconsella escribila separado, boa andanza, igual que boa viaxe ou bo camiño, aínda que escribamos Noiteboa e Aninovo. Pero Eduardo Pondal escríbea toda xunta, «boandanza á raza de Breogán», e estes días a Fundación Penzol publicita e comenta unha postal que Florencio Delgado Gurriarán escribe a Fernández del Riego en 1963 na que, entre outras cousas, desexa ao seu amigo «boandanza» no ano que comeza. Boanzanda e saúde. Ou saudiña, como dicían os vellos, nun sufixo que parece diminutivo pero que en realidade é afectivo e aumentativo. Ben que a necesitamos e merecemos.

 

O meu veciño Barreiro leva dúas semanas asomándose á fiestra cada mañá para ver medrar os días. Como vai pola vella, polo calendario xuliano (46 a C), e fundaméntase na tradición popular, que é a memoria da aldea, para el os días empezan a medrar por Santa Lucía, que é o 13 de decembro, non o 21 ou 22. «Por Santa Lucía mingua a noite e crece o día», di o refrán. O papa Gregorio XIII, a finais do século XVI (1582), axustou o calendario e desterrou o xuliano cun novo cálculo, que pouco a pouco foi adoitado por todo Occidente, mais as nosas xentes seguiron coa devoción a Santa Lucía, que trae a luz da nova amañecida. Padroeira dos cegos, avogosa para as doenzas da vista, a santa vén de Siracusa (Sicilia) e as súas reliquias poden visitarse en Venecia, pero seica deixou pegada entre nós. No calendario do papa Gregorio os días empezan a medrar cando o solsticio de inverno, pero entre os meus veciños da Maía a santa ten predicación. Tamén en Pontevedra, que a sacaban na procesión do Corpus cos ollos na bandexiña e a palma do martirio na man.

Será cousa da luz de onde lle vén a devoción. Por estas terras, entrando o novo ano, os veciños saían aos campos con fachos acesos para alumear o pan, para escorrentar os meigallos e para que a colleita de trigo ou de centeo viñese boa, fartura nas artesas. Escribo o día primeiro deste xaneiro que empeza. Aínda queda moito inverno. Pero hoxe naceu un día luminoso. Teño que preguntar ao meu veciño cantas horas van de nova claridade, horas que lle gañamos á noite, que é una metáfora da esperanza e oxalá que dos tempos que se anuncian. Gústame a palabra que rescatan Pondal e Gurriarán como una unidade léxica: boandanza. Feliz camiño, que din tamén os peregrinos a Compostela. Boandanza e saúde. Sospeito que cando os seareiros do Portal das Palabras escolleron «tanxugueiras» para designar a palabra do ano, entre tanta pandemia e tanto pesimismo instalado, entre tanta depresión e tanta friaxe, entre tanta máscara que apenas deixa ver os ollos, a xente apostou pola enerxía, voces novas de muller a abrir as fiestras, ¡que corra o aire!, luz renovada, meigas fóra. Ben sabemos que no calendario vixente o día empeza a abrir o 21 ou 22 de decembro, mais nós xa levamos semana e media de adianto.


Comentar